
A caída dun home desde unha altura duns tres metros e o risco dunha lesión medular fixo que se movilizase o helicóptero do 061
Segundo informa o boletín do CIAE 112 Galicia o helicóptero medicalizado desprazouse ata o lugar para trasladar ao ferido ao centro hospitalario de referencia.
«O persoal do Servizo de Urxencias Sanitarias de Galicia-061 foi quen, ao fío das 17:00 horas desta tarde, contactou co 112 Galicia para solicitar axuda na evacuación dun home que se precipitara dende unha árbore en Rubiá, ao pasar o cemiterio, moi preto da capela. Indicaban que unha ambulancia co equipo médico xa se dirixía tamén cara o lugar», explican.
Con estes datos, desde o 112 Galicia informouse aos Bombeiros de Valdeorras, aos membros do GES e á Garda Civil.
«Tras localizar ao ferido, os Bombeiros confirmaron ao 112 o traslado do ferido na aeronave. Indicaron ademais que axudaran ao equipo sanitario na evacuación, xa que, o home, atopábase nunha pista de difícil acceso», informan desde o 112.