miércoles. 13.05.2026

Laura Iglesias: «Volve o concerto da banda que facía moito tempo que non viña»

Rubiá prepárase para vivir unhas Festas da Ascensión cheas de música, tradición e ambiente nas rúas
somoscomarca_240210_rubia_entroidomiudo (9)

Rubiá xa conta as horas para vivir unha nova edición das Festas da Ascensión, unha das citas esperadas do calendario festivo do municipio e que este ano chegará cun programa pensado para todos os públicos, recuperando tradicións e mesturando verbenas, concertos e actos relixiosos.

A concelleira Laura Iglesias repasou en Radio Valdeorras Onda Cero os detalles dunha programación que arrancou xa a pasada semana coa tradicional procesión da Virxe do Camiño ata a igrexa parroquial e cunha novidade moi especial: a visita da imaxe á residencia de San Cosme. «Por primeira vez o párroco decidiu levar a Virxe á residencia para que os usuarios puidesen ter alí unha misa xa que non poden acudir á igrexa», explicaba Iglesias.

Porque, aínda que hoxe a Ascensión é tamén unha gran festa popular, a súa orixe segue moi ligada á tradición relixiosa. Durante estes días continúan ademais os actos da novena previos ás celebracións centrais.

A partir do xoves chegarán xa as actuacións musicais e o ambiente festivo ás rúas de Rubiá. Ese día haberá unha actuación na Praza do Concello, un espazo máis recollido pensado para unha xornada previa ao venres festivo. O venres a festa trasladarase xa á Praza da Baicela coa actuación da orquestra Costa Dorada en sesión de tarde-noite.

Un dos momentos máis especiais desta edición chegará o sábado coa recuperación dunha tradición que levaba moitos anos sen formar parte das festas, a actuación dunha banda de música.

A Banda de Música Cidade de Ponferrada ofrecerá un concerto ás seis e media da tarde na Praza do Concello —ou no salón de actos da Casa da Cultura se a choiva obriga a cambiar os plans—.

«Facía moito tempo que non viña unha banda ás festas de Rubiá», sinalaba Laura Iglesias, que explicaba que nesta ocasión quixeron apostar tamén por unha programación pensada para públicos de todas as idades.

Xa pola noite chegará unha das actuacións máis esperadas da fin de semana, o Grupo Cañón. «As expectativas son moi altas», recoñecía a concelleira, consciente do tirón dunha formación que adoita reunir a moito público en cada actuación. As festas pecharanse o domingo coa actuación da orquestra Miramar, tamén en sesión de tarde-noite.

Mentres tanto, a organización segue moi pendente do ceo. «Todos os días, todas as horas estamos mirando a predición meteorolóxica», confesaba Iglesias entre risas, lembrando o importante traballo que hai detrás da preparación dunha festa destas características.

Os preparativos, de feito, comezan xa a principios de ano, especialmente pola dificultade de cadrar datas e contratar actuacións nunha época de alta demanda para as orquestras.

Ademais, este ano as festas coinciden co Día das Letras Galegas, unha circunstancia que o Concello aproveitará tamén para fomentar a lectura entre os máis pequenos. O día 18 entregaranselles libros en galego ao alumnado do CEIP Plurilingüe Virxe do Camiño.

Con música, procesións, encontros veciñais e ganas de festa, Rubiá prepárase así para vivir unha fin de semana intensa na que veciños e visitantes volverán encher as rúas de ambiente.

Laura Iglesias: «Volve o concerto da banda que facía moito tempo que non viña»