
Repite coma cabeza de lista unha lexislatura máis cun proxecto de dinaminación turística coma punto forte do seu programa
Elías Rodríguez Núñez buscará de novo a confianza maioritaria da veciñanza de Rubiá cun proxecto de mandato «no que a dinamización turística, pensada ademais en clave de comarca, será un dos puntos fortes do noso programa». Para Manuel Baltar, o presidente provincial, trátase dunha proposta que «obterá unha vez máis sen dúbida o apoio dos habitantes de Rubiá, que teñen no candidato e no seu equipo o aval da reivindicación permanente dos intereses do concello».
Elías Rodríguez preséntase de novo á alcaldía logo de vinte anos na corporación local, dezaseis coma alcalde, defendendo o traballo realizado en todo este tempo «para o progreso do Concello de Rubiá», ao que chegou presentando un novo proxecto que ilusionase á xente e cubrise as necesidades evidentes». Fala Rodríguez de «infraestruturas, acondicionamento das estradas municipais, obras urxentes nos núcleos de poboación, mellora dos servizos sociais e un área empresarial» coma algúns dos logros acadados, «aínda que a principal demanda que había por parte da veciñanza, xa no primeiro mandato, era a construción dunha residencia da terceira idade, que pronto conseguimos».
A continua mellora de servizos básicos e sociais ou a recuperación de bosque autóctono para potenciar a produción de castaña, están na axenda de Rodríguez cara un novo mandato, aínda que subliña dúas actuacións que entende prioritarias. Por unha banda a rehabilitación de vivenda, «que xa iniciamos hai tempo con fondos propios pero que estamos a continuar coa reforma dun novo inmbole».
En segundo lugar, a dinamización turística «pero pensando en clave comarcal, porque recursos hai moitos e se os traballamos de xeito conxunto faremos máis forza». Refírese o candidato, no caso de Rubiá, ao parque da Serra da Lastra, «un espazo a promocionar que se complementaría cunha oferta de aloxamento turístico e divulgación dos recursos arqueolóxicos».
O presidente provincial popular engadiu que «Rodríguez representa a continuidade do proxecto político do PP, que non se limita ao papel, senón que desde a planificación vaise ampliando con todo tipo de propostas de interese que podan xurdir, sempre tendo en conta a necesaria colaboración das administracións».