jueves. 01.06.2023
Terraza do Bar O Pitón de Petín
Terraza do Bar O Pitón de Petín

Son moitos os valentes que estes días suben a rexa dos seus negocios sabendo que o que entra non vai dar para moito

Cada día son máis os bares e negocios que abren as súas portas, aínda sabendo que as ganancias van quedar para máis tarde. Non é doado, e non hai que ser adiviño para sabelo, porque para moitos deles o seu traballo non vai estar remunerado e algún até terá que botar man dos aforriños; pero aínda así hainos que poñen o coronavirus por monteira e danlle os seus clientes o mellor de si.



Mercedes López Puga, a do Pitón de Petín, é unha delas. Preferiu renunciar a unha paguiña que lle daban polo cese de actividade para poder servir un café ou unha cervexa aos seus veciños. Non sabe se o que vai entrar no caixón cubrirá os gasto,s pero o que si sabe é que quere volver á «normalidade» canto antes, aínda que lle saia do peto. A praza de Petín volve ser lugar de reunión. Os veciños poden falar de novo das súas cousas no bar, iso si cada un desde a súa mesa situada a máis de dous metros.

Merce ofrecendo o café os seus clientes desde a fiestra

A praza de Petín ten tres bares, un deles O Pitón, nos que as terrazas están postas todo o ano. Case sempre hai xente pases á hora que pases, pero estes días estaba espida e triste. Onte, ao dar a curva para entrar nela atopei a Merce na ventana ofrecéndolle un café a un dos veciños que estaban a piques de sentarse, e o corazón deume a volta de alegría, a mesma que sentiu ela durante toda a xornada. «De verdade, o primeiro día estaba tan emocionada que cheguei á casa e non me podía mover de tanta emoción e de todo o afecto que recibín. Olé, olé y olé Petín», di Merce ilusionada coma nunca. «Nunca pensei que axente respectase tanto as normas. Lavan as mans co xel, gardan as distancias... Estou moi agradecida», engade.



Non sempre están os que son pero, os que son sempre están, di o refrán, e neste caso como noutros moitos hai valentes que lle miran a vida de fronte. Como pasa case sempre é máis xeneroso o que menos ten, e fai máis esforzo o que máis lle custa.

Esta crise está mostrando a verdadeira forza de cada un de nos, os verdadeiros guerreiros están na primeira liña de batalla sabendo que en calquera momento pode ser abatido.

O Pitón volve darlle vida á praza de Petín