Mario Nogueira regresará á Feira de 1812 de Petín cos seus bois e cunha reivindicación do mundo rural

Mario e Cristina cos seus bois e carro na Feira de 1812 no ano 2018
O gandeiro levará varias razas autóctonas, entre elas exemplares chegados das Azores e de Portugal, nunha edición na que quere achegar os animais aos máis pequenos

A Feira de 1812 de Petín recuperará este ano unha das imaxes máis emblemáticas do seu programa, os bois e os carros tradicionais de Mario Nogueira. O coñecido gandeiro volverá participar na cita tras varios anos nos que diferentes compromisos lle impediron acudir, e farao cunha representación moi especial da súa gandería.

Nunha entrevista en Radio Valdeorras Onda Cero, Nogueira explicou que a súa intención é achegar ao público unha mostra da riqueza das razas autóctonas e do patrimonio gandeiro tradicional.

Os bois de Mario entre as tropas francesas na feira de 2017

«A miña idea é levar, como sempre, un carro cunha parella de bois e tamén dous terneiros que estamos criando a biberón e que xa estamos afeccionando a este tipo de ambientes», explicou.

Unha oportunidade para achegar o rural aos máis novos

O gandeiro recoñece que unha das partes que máis lle gusta destas actividades é o contacto dos nenos cos animais. «Faime ilusión que os nenos poidan ter contacto cun terneiro. Hai moitos que nunca viron un nin o puideron tocar», sinalou.

Nogueira considera que este tipo de encontros permiten achegar ás novas xeracións unha realidade cada vez máis afastada da súa vida diaria.

«Moita xente está desvinculada do mundo rural e ás veces xa non sabe nin o que é unha vaca», comentou durante a conversa radiofónica.

Razas únicas chegadas das Azores e de Portugal

Entre os animais que se poderán ver en Petín destacan varias parellas de bois novos e algunhas razas pouco habituais na comarca. O gandeiro levará exemplares da raza Ramo Grande, procedente das Azores, así como bois minhotos chegados de Portugal. Tamén estarán presentes outras razas portuguesas como a Barrosa ou a Maronesa.

«Trouxen unha parella das Azores en novembro e tamén unha parella de bois Minhotos de Portugal. Faime ilusión que a xente poida velos porque son animais que non se ven habitualmente por aquí», explicou.

O soño dunha gran festa do boi en Valdeorras

Durante a entrevista, Mario Nogueira tamén compartiu un proxecto que lle gustaría facer realidade no futuro: crear unha gran festa dedicada ao boi en Valdeorras.

«Gustaríame facer unha festa de referencia en Galicia que se celebrase en Valdeorras, relacionada co mundo do boi e tamén coa gastronomía, para que a xente poida ver os animais e degustar produtos da terra», apuntou.

Un embaixador do rural galego

A paixón polas razas autóctonas converteu a Mario Nogueira nun referente dentro do sector. Na actualidade participa en congresos, xornadas gastronómicas e encontros profesionais por toda España, divulgando o valor da gandería tradicional galega e portuguesa.

Os bois e os xatiños na Festa do Cordeiro de Larouco este ano

«O meu obxectivo é poñer en valor as pequenas ganderías e os animais criados de maneira tradicional, defender o medio rural e levar con orgullo o que representou o mundo do boi para as nosas familias», asegurou.

A súa presenza na Feira de 1812 será, unha vez máis, unha das grandes atraccións dun evento que busca recuperar a memoria das feiras de antano e reivindicar as raíces dun territorio profundamente ligado ao campo e á gandería.

Tu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizado