O caldo que quenta a Portela
A Festa do Caldo da Portela reuniu arredor de 200 persoas nunha mañá na que a chuvia e o frío fixeron acto de presenza. Lonxe de deslucir o encontro, o tempo convidou a xuntarse arredor dun prato quente e contundente que cada ano convoca veciños, amigos e visitantes.A festa gastronómica da Portela vai pola cuarta edición.
«Podería haber máis persoas, pero o día está un pouco chuvioso; se non, chegabamos a algo máis», explicaba Sandra, presidenta da Asociación A Rabiosa da Portela, entidade encargada da organización do evento.
O caldo, auténtico protagonista da xornada, preparouse con abundancia e seguindo a receita tradicional. «Cocéronse dous cestos cheos, cheos, cheos de berzas ben picadiñas», contou Sandra.
Pero para que un caldo sexa realmente saboroso non abondan as berzas. Na Portela saben ben que o segredo está tamén na carne de cocho. Así, na pota cocéronse 20 quilos de orella, 20 quilos de pata, outros tantos de morro, 40 quilos de lacón e 200 chourizos, ingredientes que deron como resultado un caldo contundente e saboroso do que os comensais deron boa conta.
Despois do prato principal chegou a sobremesa, tamén moi ligada á tradición da zona. Na mesa non faltaron torta de roxóns con noces, pastas, café e os inevitables chupitos, que puxeron o broche doce a unha comida compartida.
A música tampouco faltou na xornada. Tras o xantar, moitos dos asistentes animáronse a botar algún baile, unha forma perfecta de baixar a comida e alongar o ambiente festivo.
Mirando xa ao verán
A Asociación A Rabiosa da Portela xa pensa nas próximas actividades. Entre elas destaca a exposición de cadros ao aire libre, unha iniciativa que cada ano transforma as rúas do lugar nunha singular sala de exposicións aberta.
Ao mesmo tempo, a entidade traballa tamén na organización da festa de agosto, unha cita xa consolidada no calendario local. «Xa está encamiñada», sinala Sandra desde a asociación, deixando claro que na Portela as ganas de celebrar e manter vivas as tradicións non dependen do tempo nin do frío.
Tu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizado