
O Belén da parroquia de Santiago en Petín é moito máis ca unha representación do Nacemento: é unha tradición que perdura desde hai máis de 50 anos, mantendo a súa esencia e engadindo cada ano, novos detalles que lle dan vida.

Era eu pequena e xa me acordo de velo na mesma esquina onde está agora. Daquela, as figuras orixinais parecían inmensas aos ollos dos nenos. Aquelas mesmas figuras, entre as que destacan María, San Xosé, o neno, a mula, o boi, os tres Reis Magos e o anxo da anunciación, aínda forman parte do corazón do Belén. Cubertas por unha estrutura de cortiza que simula a cova, son o centro dunha obra que se foi ampliando co tempo.

Un traballo con paixón e dedicación. Hoxe en día, Luis e Javier xunto con outros veciños encárganse de montar o Belén, seguindo a tradición de antigos veciños como José Luis Galán, quen realizou numerosas pezas en marquetería antes do seu falecemento. Para Luis e Javier, manter viva esta tradición é un orgullo. “Mentres poidamos, seguiremos. Gustaríanos que os máis novos se implicasen, pero é difícil”, recoñecen.

Cada recuncho do Belén ten algo especial:
- Sobre a cova do Nacemento atópase unha vila iluminada, con casiñas de cortiza e madeira.
-
Casiñas de cortiza por riba do portal - Á esquerda, unha fonte con auga corrente; á dereita, unha praza cun farol que lembra o da praza de Petín.

- Pastores, ovellas e figuras en gran tamaño, como unha muller cun cántaro e un carpinteiro en plena faena, engaden vida á escena.

- Na parte superior, muiños coas aspas en movemento, un panadeiro, e un pescador que fai rir aos cativos co seu cana que nunca para.

- E non falta o detalle máis curioso: un paxaro que emite sons estranos, o preferido dos nenos, e un xuncal que parece estar sempre en crecemento.

Horarios e visita
O Belén está aberto en horario de misa e tamén os sábados e domingos de 17:00 a 20:00 horas. Permanecerá exposto ata o 17 de xaneiro, día de San Antonio, festividade local.
Unha visita ao Belén de Petín é unha oportunidade única para mergullarse nunha tradición chea de vida, onde o esforzo dos veciños e a maxia do Nadal se unen para sorprender a quen se achegue.
