martes. 23.04.2024
somoscomarca_obolo_exposicion_gaitas_ibericas

O Concello do Bolo acolle unha exposición adicada ás gaitas ibéricas. A mesma foi posta en marcha polo Museo Internacional de Cornamusas, e pretende ser unha pequena mostra das variantes do instrumento na Península Ibérica: desde a xirolarrúa do País Vasco, como instrumento recuperado das mostras iconográficas do século XIII, pasando pola gaita galega de raposo froito da creatividade de artistas populares, ata outros sofisticados instrumentos de artesáns consagrados.

Cabe recordar que o concepto da gaita primitiva, tivo na Península Ibérica a porta de entrada á vella Europa, onde sería apreciada por reis e emperadores. Así, valiosos documentos avalan a posta en valor por parte das monarquías europeas da gaita ou cornamusa.

Como exemplo, os reis de Castela tiñan grande aprecio ao instrumento; Fernando III o Santo (1201-1252) prestou gran atención e protección aos trobeiros e xograres.

Dende o século XIV, a presencia de gaiteiros e percusionistas aparece documentada como servizo de gremios e confrarías para distintas solemnidades, chegando a establecerse contratos con gaiteiros incluso de por vida; todo o cal supón unha mostra do aprecio que gozou dito instrumento.

Neste sentido hai que dicir que, cando a Igrexa Católica perseguiu as prácticas profanas a través do Santo Oficio, gaita e gaiteiros buscaron amparo nas prácticas relixiosas. A pervivencia do instrumento na Península Ibérica foi desigual.

Así, cando nas áreas orientais da Península como Baleares, Cataluña, Aragón se dá case por extinguido o instrumento durante a segunda metade do século XX, en Asturias, Galicia ou Sanabria, con fortes vínculos ca comunidade galega, aínda vive con forza.

A partir da década de 1980 xorde unha grande inquedanza por recuperar o instrumento, especialmente nas zonas onde se tén referencia de gaiteiros activos ata 1950.

Por elo en municipios como os de O Bolo ou A Rúa, escolas de gaitas intentan que as xeracións actuais e as futuras aprendan a tocar este instrumento. O director da escola do Bolo, Xose Lois Foxo, é a súa vez o dirixente da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, con fama dentro e fora das fronteiras de España.

O Bolo acolle unha exposición de Gaitas Ibéricas