martes. 24.06.2025

A música do festival do Castelo do Bolo mantivo a chuvia a raia

Chegou dona Urraca montada a cabalo para cantar o romance medieval musicado polo director da Real Banda da Deputación, José Luis Foxo que soará cada hora por megafonía no recinto do castelo do Bolo como recordo do paso de dona Urraca por terras bolesas.

Cando soaron as trompetas desde o alto do Castelo chegou dona Urraca  montada a cabalo para cantar o romance medieval musicado polo director da Real Banda da Deputación, José Luis Foxo. Este romance soará cada hora por megafonía no recinto do castelo do Bolo como recordo do paso de dona Urraca por terras bolesas.

Recordar que este festival serve para homenaxear a Yosso, José de Valbuxán, que desde esta mañá ten o seu propio museo que «porá en valor a súa obra, aínda máis se cabe», como dixo, a locutora de Onda Cero Monforte, Manola Porto, sobriña de Yosso e encargada ano tras ano de facer de mestra de cerimonia.

V Festival Medieval Castelo do Bolo (23)
Lola Porto e Daniel García no V Festival Medieval Castelo do Bolo 

Os primeiros en facer a súa aparición tras dona Urraca foron os rapaces e rapaces da Banda de Gaitas do Bolo, e despois foi o tempo dos cantos de seitura. Blandina de Cotarós, Digna Pérez de Trives, Rogelio Corzo da Acebeda e Jacinta Fernández de Lentellais.

V Festival Medieval Castelo do Bolo (18)
Bautista Álvarez recibindo a medalla honorífica de mans de Foxo

Tras o irmandar Trives e O Bolo chegou o de Galicia e Asturias con Iria Estévez e Daniel García Cuesta — especialista na música medieval asturiana que tocou a arpa, a zanfona e até o requinto—. A propia Manola Porto foi protagonista nunha peza interpretada a zanfona por Daniel e recitada por ela.

V Festival Medieval Castelo do Bolo (5)
Melisa Macía, alcaldesa de Vilariño recibe o pergamino pola actuación da Banda de Gaitas do seu concello

A Banda de Gaitas de Vilariño tamén deleitou aos presentes coa súa música así como Iria Estévez en clave de fado, As cantareiras da Real e a propia Banda da deputación que foi quen pechou o festival.

V Festival Medieval Castelo do Bolo (35)
Foxo, Iria Estévez, Manuel Corzo e Daniel García

Estaba prevista a actuación da orquestra Río Leira onde actúa Bautista Álvarez, Bautista do Paladium, pero non puido ser debido a que parte dos músicos tiñan covid. O que si foi posible foi pórlle a medalla honorífica a Bautista.

V Festival Medieval Castelo do Bolo (10)
Manuel Corzo e Xan García

Xan Rodríguez González, quen fora presidente de arquitectos de Ourense e encargado de rehabilitar e por en valor a torre da homenaxe do castelo do Bolo recibiu de mans do alcalde o pergamino co romance de Dona Urraca. Cando llo estaba entregando, Corzo emocionado dixo, «con moito cariño». Xan pola súa banda significou: «Se lle tedes que agradecer a alguén que esto saira da ruina é a Manuel Corzo», referíndose ao castelo.

V Festival Medieval Castelo do Bolo (17)
A Banda de Gaitas de Vilariño durante a actuación

Tampouco houbo mercado medieval nin a mostra de cetrería do Salnés, coma en edicións anteriores .

O tempo aguantou e aínda queos nubarróns ameazaban auga ata o remate non caeu gota.

 

 

A música do festival do Castelo do Bolo mantivo a chuvia a raia