Jacinta Fernández, a "cantareira de Lentellais", falece aos 91 anos

Jacinta Fernández, a "cantareira de Lentellais", falece aos 91 anos

Jacinta Fernández, coñecida como a "cantareira de Lentellais", finou aos 91 anos, deixando un legado inestimable para a música e a tradición oral galega. Compositora de romances, creou unha copla sobre a pandemia da COVID-19, que presentou no certame de Serán de Seitura en Manzaneda e tamén no Festival Medieval do Castelo, no Bolo.

Jacinta na edición do pasado ano do «Serán de Seitura» de Manzaneda

Xosé Lois Foxo, director da Real Banda de Gaitas da Deputación de Ourense, destacou a súa memoria prodixiosa e a súa entrega á música tradicional. "Sempre participaba nos concertos e actos organizados pola Real Banda", sinalou Foxo, quen lle dará o seu último adeus coa música da gaita, como mellor sabe.

No IV Festival Medieval Castelo do Bolo

Jacinta foi unha das principais informantes do Cancioneiro Sociolingüístico das Terras do Bolo, contribuíndo á recuperación de cancións tradicionais que, co paso dos anos, corrían o risco de perderse. As súas melodías, que durante xeracións acompañaron as tarefas do campo, especialmente a sega e a seitura, seguen vivas grazas ao seu legado.

Agardando a saída ao escenario: Rogelio, Jacinta, Fiuca, Blandina

O funeral e o enterro celebraranse o sábado 8 de febreiro, ás cinco e media da tarde, no cemiterio parroquial de Lentellais.

Que a súa voz e a súa música perduren na memoria de todos.