jueves. 28.03.2024
211106 SINATURA O BOLO 1
Manuel Corzo e Ángeles Vázquez tras a sinatura do acordo

A Xunta de Galicia e o Concello do Bolo colaborarán nunha actuación urbanística en Celavente co fin de humanizar os arredores do núcleo de poboación. Este foi o compromiso asumido pola conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, e o alcalde, Manuel Corzo, no marco dun convenio subscrito esta semana para fixar os termos da cooperación técnica e económica entre ambas administracións para levar a cabo a obra.

A actuación urbanística centrarase na humanización da rúa principal e de dúas quellas de Celavente, localizadas na contorna da zona de protección da Igrexa de San Xoán. En concreto, acometerase unha rexeneración completa dos pavimentos, retirando o actual e nivelando o terreo antes de colocar unha nova capa de formigón e fiadas de pedras de granito nas marxes do camiño. Así mesmo, tamén está previsto acondicionar a zona coa instalación de bancos consistentes en bloques macizos de granito gris.

Cun custo de case 50.000 euros dos cales o 70% será achegado polo departamento autonómico e o 30% restante polo goberno municipal. O convenio enmárcase no chamado plan Hurbe, un programa impulsado pola Xunta hai máis dunha década co fin de axudar ás entidades locais a executar diferentes proxectos urbanísticos destinados á creación, mellora e humanización de infraestruturas de uso público e colectivo.

Durante a sinatura, Ángeles Vázquez subliñou o compromiso do seu departamento á hora de brindar apoio aos concellos co fin de promover actuacións que, como esta, contribúan a dinamizar as vilas galegas e a mellorar a calidade de vida dos seus veciños. Neste sentido, a Consellería manterá esta liña de cooperación cos concellos en 2022, reservando nos seus orzamentos 7 millóns de euros para actuacións dirixidas a habilitar ou recuperar equipamentos municipais e poñer en valor as contornas urbanas.

Unha inversión de case 50.000 euros para humanizar Celavente (O Bolo)