
A segunda edición da Feira Irmandiña celebrarase o día 14 de agosto, de 11 a 23 horas. A idea parte dun feito singular que ocorreu no castelo no século XV, o asalto á fortificación por parte dos Irmandiños, que provocou a destrución de parte da edificación e a súa posterior reconstrución. Esta é unha parte da historia deste castelo pouco coñecida e única na comarca de Valdeorras, que dende o concello queren promocionar e poñer en valor.
Para promover o coñecemento da historia do castelo faranse visitas guiadas de balde ao interior do castelo ás 11, 13:30, 18 e 19:30 horas. Nesas visitas contarase a historia dos Irmandiños e a súa actuación neste castelo.
Entre as novidades deste ano haberá unha representación teatral no exterior do castelo pola noite, ás 21 horas, e tamén animación de rúas para que os veciños se reúnan pola mañá para subir ata o castelo e inaugurar a feira. A parte teatral estará a cargo da compañía Platea Lúa.
A outra innovación deste ano será un vídeo mapping —representación audiovisual— que se proxectará sobre a torre do castelo ás 22 horas baseado na historia do asalto a fortificación polos irmandiños. A proxección poderá verse dende moitas partes do casco urbano e incluso dende as parroquias de arredor.
Dentro do recinto amurallado instalarase un posto de comida, que este ano terá como novidade o porco asado ao espeto. Ademais nos arredores da fortificación haberá xogos para os nenos e tamén estará presente a música con cantos de taberna tradicionais. Esta actividade terá un custo de 12 euros.
Presentación completa aquí: