O Bolo mestura gastronomía e antigas tradicións na súa Semana Santa coa Festa da Vitela e a Estoupa do Xudas

O concello valdeorrés reforza a súa identidade cultural cun programa que une produto local, patrimonio e homenaxes ás persoas e tradicións da comarca

O Bolo volverá converterse nun punto de encontro coa tradición durante a Semana Santa. O concello valdeorrés presenta unha programación que mestura gastronomía, cultura e recuperación etnográfica, cunha nova edición da Festa da Vitela e a celebración da III Estoupa do Xudas como principais reclamos.

Dúas citas que, ano tras ano, consolidan a aposta do municipio por poñer en valor o seu patrimonio material e inmaterial, ao tempo que atraen visitantes a unha das zonas máis singulares de Valdeorras.

A actividade central terá lugar o sábado 4 de abril coa XVI Festa da Vitela, unha xornada que xirará arredor da exaltación dos produtos tradicionais e da identidade propia do territorio. O pavillón polideportivo do Bolo acollerá unha feira con máis de quince postos de artesanía, alimentación e produtos locais, aberta de 11:00 a 20:00 horas.

A partir das 14:00 horas celebrarase a tradicional comida popular, na que a vitela será a gran protagonista dun menú que incluirá tamén sopa, patacas, chourizo, garavanzos, codillo e sobremesa típica. A xornada completarase con música e ambiente festivo na carpa instalada para a ocasión.

Pero a festa vai moito máis alá da gastronomía. Nesta edición, o Concello quere poñer o foco nas figuras tradicionais do entroido bolés, como a Mázcara de Buxán ou o Touro e o Xigante de Celavente, que estarán presentes no recinto para dar a coñecer a súa historia e simbolismo.

Ademais, o programa inclúe un emotivo recoñecemento aos voluntarios que participaron na extinción dos incendios do pasado verán, así como unha homenaxe á cantareira de Lentellais, Jacinta Fernández, nun acto que terá lugar ao mediodía.

A oferta complétase coa apertura especial do Museo Yosso, que poderá visitarse de 12:00 a 14:00 horas cun prezo simbólico de 1 euro, reforzando así a proposta cultural da xornada.

O domingo 5 de abril, a programación continuará coa III Estoupa do Xudas, que se celebrará na área recreativa do Bibei, nas Ermidas. O acto, que terá lugar ás 12:00 horas, recupera unha tradición popular que cada ano gaña máis seguidores e que consiste na queima simbólica do boneco do Xudas á beira do río.

Este adianto horario permitirá aos asistentes participar tamén nos actos relixiosos que se celebran no Santuario das Ermidas, outro dos grandes atractivos do concello.

Precisamente, durante estes días tamén se organizarán visitas guiadas ao Santuario, ao castelo medieval musealizado —único na comarca— e ao propio Museo Yosso, ofrecendo unha experiencia completa para quen se achegue ao Bolo durante a Semana Santa.

Con esta programación, o concello reafirma a súa aposta por recuperar e manter vivas as súas tradicións, ao tempo que promove o turismo e o coñecemento dun territorio que conserva intacta a súa esencia.