A Xunta pon en valor en Valdeorras as axudas á dixitalización, innovación e sustentabilidade do comercio local
O director xeral de Comercio e Consumo, Gabriel Alén, visitou distintos comercios no Barco de Valdeorras e na Rúa. Acompañado por representantes do tecido comercial e empresarial da comarca — os presidentes da Asociación Empresarial de Valdeorras, Carlos Terán; e mailo da Asociación Centro Comercial Aberto, Jacobo Arias—, durante a súa visita, puxo en valor os apoios da Xunta destinados a impulsar a innovación, a dixitalización e a sustentabilidade do comercio local e artesanal.
Segundo explicou, estas achegas ―dotadas este ano con case 4 millóns de euros― beneficiarán a 664 establecementos de proximidade e 64 obradoiros inscritos no Rexistro Xeral de Artesanía de Galicia, e enmárcanse no Plan estratéxico do comercio de Galicia 2025-2030. O obxectivo é facilitar a adaptación ás novas tendencias de consumo, mellorar a imaxe dos locais, incorporar tecnoloxías que acheguen o comercio á clientela e avanzar no compromiso coa eficiencia enerxética e o medio ambiente.
As visitas realizadas a negocios como O Bambán dos Sorrisos, Doce ópticos, Miranda ou Ana de la Puente no Barco, e a Electrodomésticos Malira SAT na Rúa, serviron tamén para informar aos establecementos destas axudas, que poden chegar ata os 50.000 euros e cubrir ata o 80% do investimento en melloras de locais, adquisición de equipamento, eficiencia enerxética, material promocional sostible ou, como novidade, memorias técnicas de interiorismo.
Alén destacou ademais que esta folla de ruta contempla outros apoios aos centros comerciais abertos (CCA), como o CCA O Barco, incluíndo accións de dinamización integral das contornas comerciais e programas de formación continua para os seus xerentes. En conxunto, o plan contempla 74 accións específicas cun orzamento global de 320 millóns de euros.
Finalmente, o director xeral lembrou que continúa aberto o prazo, ata o 26 de setembro, para presentar candidaturas aos Premios do Comercio Galego 2025, que inclúen cinco categorías e buscan recoñecer o traballo, a innovación e a traxectoria dos profesionais do sector.