O Casco Vello do Barco volve celebrar as súas festas dende este venres día 14 ao domingo 16 de xuño. Á súa vez terá lugar a III Feira Porto da Barca o sábado, na segunda xornada de festas. «Haberá preto de 20 expositores na praza de San Mauro nun horario de 11:00 a 20:00 horas», explicaba o alcalde, Alfredo García.
Ademais dos postos de alimentación e artesanía estarán tamén presentes tres asociacións sen ánimo de lucro: Peludines Callejeros de Valdeorras, AECC O Barco e Patrulla Felina O Barco —estes tres, só en horario de tarde—. O público infantil terá tamén actividades como o show de Guti Malabarista, ás 11:30 horas; e un obradoiro de malabares, ás 12:00.
Xa pola tarde, organízase outro obradoiro, neste caso de lámpadas de madeira, en horario de 17:00 a 20:00 horas, con Seredipia Creative de Viana do Bolo. Para ambos obradoiros as prazas son limitadas.