







































O sábado 12 de xullo, a vila de Tremiñá regresou ao medievo grazas ao novo colectivo "Tremiñá no mapa". Este grupo, formado por veciños e veciñas que buscan recuperar e manter viva a festa tradicional, contou coa colaboración do Concello do Barco, a Asociación de Mulleres Rurais de Veigamuiños, así como da asociación Teatrotomía, Artesanía Enxebre e a Cooperativa Outonia.

Ás 18:00 horas, o escenario decorado con gran detalle transformouse nunha auténtica feira medieval. Os visitantes, ao entrar, sentíronse transportados a outra época, grazas aos postos de artesáns, demostracións de tecido e fiada, espectáculos de rúa, recreación dunha leprosería, que nesta edición do mercado irrompeu con forza, e zonas de relax.

Durante toda a xornada, veciños e visitantes puideron percorrer máis de 50 postos con produtos gastronómicos variados, desde doces e licores ata mel, así como libros, obxectos de artesanía en metal, lousa, madeira, pintura e outras elaboracións artesanais. Tamén houbo obradoiros onde aprender a crear un terrario ou a escribir ao estilo medieval, ademais de visitar a taberna para degustar un grolo. Non faltaron tampouco os bufóns, as fadas, xogos da ra e de bolos, que animaron a toda a xente presente. O Club Natación Valdeorras tamén estivo presente cun posto propio, onde vendia paella e outros alimentos típicos.

Xa pola noite, a festa continuou cun espectáculo de lume a cargo de "Alumearte" e, ás 23:00 horas, proxectouse a película de verán "Os cabaleiros da mesa cadrada", que rematou unha xornada memorable.

O domingo 13 de xullo, o mercado reabriu as súas portas ao mediodía con un programa cheo de actividades, entre elas as Olimpíadas medievais e contacontos. Ás 19.30 horas haberá un pasarrúas a cargo de Abertal e a gran final do torneo de Bolos e ás 20:30 horas terá lugar a tradicional mostra de malla, que nesta edición contará tamén cunha exhibición de madeira, completando así unha fin de semana chea de tradición, cultura e diversión para toda a familia.