lunes. 23.06.2025

O PSOE leva ao Parlamento Galego a situación sanitaria de Valdeorras

Presenta unha proposición non de lei para o seu debate en pleno co obxectivo de «rebaixar os tempos de espera nos hospitais de Valdeorras e de Ourense»
Carmen Dacosta 060624
Carmen Dacosta 060624

O Partido Socialista de Galicia, por iniciativa das súas deputadas Carmen Rodríguez Dacosta, Elena Espinosa Mangana e Silvia Longueira Castro, presentaron ante a mesa do Parlamento Galego unha proposición non de lei para o seu debate en Pleno. Carmen Dacosta preguntaralle ao conselleiro pola situación do Hospital Materno - Infantil de Ourense e transmitiralle a «urxencia dun plan de choque para rebaixar as listas de espera en Valdeorras». 

Nun comunicado, os socialistas afirman que «cos datos na man ponse de manifesto que este é un dos grandes problemas que ten a sanidade pública, tanto para unha intervención cirúrxica, proba diagnóstica, ou unha consulta con especialistas». Céntranse no mesmo comunicado no «máximo responsable de sanidade en Galicia, que pide dar "importancia relativa" ás listas de espera e que na súa opinión o importante son os "resultados que teñen esas listas na saúde dos pacientes"». 

Falan os socialistas no mesmo comunicado da «cronificación dun problema ao que non se quixo poñer remedio a tempo porque non existiu nin existe planificación nin xestión para estar á altura das circunstancias».

Agora presenta o PSOE unha proposición non de lei e propón a adopción dun acordo, instando á Xunta de Galicia a «poñer en marcha un plan que rebaixe o tempo de espera nas consultas do Hospital Público de Valdeorras e de Ourense; e tamén das listas de espera para cirurxía no complexo hospitalario».

O PSOE leva ao Parlamento Galego a situación sanitaria de Valdeorras