lunes. 08.06.2026

Penélopes e Circes toman o Malecón do Barco nunha exposición creada polo alumnado de Valdeorras

Cabezas xigantes, biografías escritas a man e mulleres libres e diversas protagonizan a mostra impulsada polos equipos de dinamización lingüística da comarca, inspirada na obra “Circe ou o pracer do azul”, de Begoña Caamaño

portada_somoscomarca_202600513_obarco_cultura_letrasgalegas_malecon3471
Penélopes y Circes toman el Malecón de O Barco en una exposición creada por el alumnado de Valdeorras

Penélopes que xa non esperan en silencio, Circes afastadas dos vellos estereotipos e mulleres libres, diversas e donas de si mesmas tomaron estes días o Malecón do Barco de Valdeorras. Fixérono a través dunha exposición elaborada por alumnado de distintos centros educativos de Valdeorras dentro do traballo conxunto que desenvolven, dende hai anos, os equipos de dinamización lingüística da comarca. 

somoscomarca_202600513_obarco_cultura_letrasgalegas_malecon3472

A proposta deste ano xira arredor de “Circe ou o pracer do azul”, da escritora Begoña Caamaño. Segundo explicou Marta Cortés, a iniciativa busca reinterpretar personaxes femininas da mitoloxía clásica desde unha mirada diferente á tradicional. «Non son mulleres tipo da literatura clásica, senón mulleres libres, empoderadas, donas de si e diversas», sinalou durante a presentación.   

Cada alumna e alumno, coa axuda do profesorado, versionou unha destas figuras femininas nunha exposición que mestura arte, literatura e lingua. A mostra inclúe biografías escritas a man —nunha reivindicación tamén da escritura manual en plena era dixital— xunto con detalles relacionados coa mitoloxía grecolatina e grandes cabezas decorativas que representan estes personaxes. 

somoscomarca_202600513_obarco_cultura_letrasgalegas_malecon3470

A instalación xoga ademais coa idea do tear de Penélope. Marta Cortés definiu toda a exposición como «un gran tear», facendo referencia á figura mitolóxica que tecía e destecía para atrasar o seu destino. 

somoscomarca_202600513_obarco_cultura_letrasgalegas_malecon3469

Dende a organización aproveitaron tamén para facer un chamamento ao civismo. Cortés lembrou que nos últimos anos sufriron actos vandálicos e roubos dalgúns elementos expostos, algo que provoca «moito desgusto», especialmente entre os nenos e nenas que participan no proxecto. Por iso pediu á cidadanía que goce da mostra, pero que tamén a respecte: «Que desfrute e, por favor, que respecte». 

A exposición permanecerá instalada no Malecón, un espazo que consideran perfecto para dar visibilidade a este tipo de iniciativas por tratarse dunha zona céntrica e moi transitada. Este ano, ademais, confían en que a vídeo vixilancia instalada na zona axude a evitar danos e permita que as pezas permanezan expostas, cando menos, ata despois da celebración das Letras Galegas. «A ver se as cámaras disuaden», apuntou Marta Cortés. 

Tu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizado

Penélopes e Circes toman o Malecón do Barco nunha exposición creada polo alumnado de...