Once alumnos de Coidados Auxiliares de Enfermería inician prácticas no Hospital de Valdeorras

Once alumnos de Coidados Auxiliares de Enfermería inician prácticas no Hospital de Valdeorras
Ao longo destes meses, o alumnado rotará por diferentes unidades do hospital para coñecer o seu funcionamento e adquirir as habilidades necesarias para o desempeño da profesión

Once estudantes do ciclo medio de Coidados Auxiliares de Enfermería do IES Lauro Olmo iniciaron este xoves, 11 de setembro, o seu período de prácticas no Hospital Público de Valdeorras. Permanecerán ata o 15 de decembro completando a súa formación en centros de traballo (FCT), requisito imprescindible para obter o título de Técnico en Coidados Auxiliares de Enfermería (TCAE).

A subdirectora de enfermería do centro, María Santos, foi a encargada de darlles a benvida xunto coas titoras e titores que os acompañarán durante este proceso. Ao longo destes meses, o alumnado rotará por diferentes unidades do hospital para coñecer o seu funcionamento e adquirir as habilidades necesarias para o desempeño da profesión.

En total, o período de prácticas abrangue 440 horas, aínda que nalgúns casos se reduce a 180 ou 220, segundo as circunstancias de cada estudante.

Durante as prácticas, os futuros TCAE terán contacto directo cos pacientes e cos equipos de enfermería. Entre as funcións que aprenderán destacan o aseo, a mobilización de doentes segundo a súa patoloxía, a alimentación, a detección de síntomas de alarma ou a educación familiar e comunitaria. Ademais, recibirán formación en prevención de riscos laborais, manexo de residuos, hixiene de mans, uso de equipos de protección individual e hábitos posturais para evitar lesións.

Tamén está previsto que coñezan as aplicacións habituais do Servizo Galego de Saúde para a xestión do expediente electrónico e a inscrición nas listas de contratación.

Un centenar de alumnos nos hospitais da provincia

O alumnado do IES Lauro Olmo forma parte dun grupo dun centenar de estudantes desta disciplina que este mes se incorporarán aos tres hospitais públicos da Área Sanitaria de Ourense, Verín e Valdeorras.

O Hospital Universitario de Ourense acollerá 76 estudantes procedentes de diferentes centros da provincia e tamén do Centro de FP Ilerna. No Hospital de Verín farán prácticas outros 13 alumnos do IES García Barbón.

En outubro está prevista a incorporación doutros ciclos de formación sanitaria, como Farmacia e Parafarmacia, cun período de prácticas de 410 horas.