viernes. 29.03.2024

Celso Delgado denunciou a longa espera nos trámites previos a construcción da A-76

O Partido Popular de Ourense denunciou hoxe o desinterese por parte do Goberno de España a calquera actuación que signifique un avance real na construción da autovía A-76, que une Ponferrada con Ourense e pasa por Valdeorras.

No acto no que se déronse cita o deputado popular Celso Delgado e os senadores Miguel Ángel Viso e Carmen Leite, acompañados polo alcalde da Rúa, Álvaro José Fernández, e a portavoz no Concello do Barco, Sabina Aguado. Tamén estaban presentes Carmen González, deputada no Congreso pola provincia de León, e o portavoz do PP no Concello de Ponferrada, Marco Morala.

O grupo popular esixiu ao executivo central que inclúa nos orzamentos xerais do Estado do 2021 partidas económicas suficientes para a licitación, no próximo exercicio, de novos tramos, afirmando que o Goberno está a frear o proxecto da autovía e recordando que foi no 2005 cando comezaron os trámites administrativos para vertebrar os territorios galego e o leonés por Valdeorras.

En nome dos asistentes a este acto, Celso Delgado lembrou que desde o primeiro momento se acordara priorizar as actuacións da A-76 entre as comarcas de Valdeorras e do Bierzo, “onde a estrada N-120 estaba claramente superada pola elevada intensidade do tráfico”.

Con todo, denunciou o deputado popular, o Ministerio de Transportes, Mobilidade e Axenda Urbana (MITMA) e, de modo particular a Dirección Xeral de Estradas, “mostrou un maiúsculo desinterese por este proxecto ante a falta de impulso e  dilación nos trámites da autovía”.

O deputado provincial advertiu que a falta de compromiso ministerial non ten relación algunha coa crisis económica derivada da pandemia, senón que as dilacións xa se rexistran desde a moción de censura de 2018.

Dende o grupo popular tamén destacan que a situación económica actual e as prioridades ocasionadas pola Covid-19, van a perxudicar moitos investimentos xa programados, pero sen esquecer que a obra pública é fundamental para o relanzamento da economía.

O deputado popular ourensán pídelle ao Goberno que inclúa nos orzamentos xerais do Estado para 2021 consignacións suficientes para a licitación, no próximo exercicio, das obras nos tramos Villamartín de la Abadía-Requejo e A Veiga de Cascallá-O Barco de Valdeorras. De xeito máis concreto, pediu a urxente conclusión do proxecto de trazado do tramo entre Requejo e A Veiga de Cascallá, que neste mes de outubro cumpre un ano desde que se superou o seu prazo contractual, “mentres o ministerio está a torpedear a actuación da empresa adxudicataria”.

Peche das billeteiras nas estacións do Barco e A Rúa

Por outra banda, Celso Delgado expresou en nome do Partido Popular o enorme descontento pola redución e deterioro dos servizos ferroviarios que afectan a Valdeorras, cuxa reposición, unha vez levantadas as restriccións de mobilidade tralo estado de alarma, foron prácticamente inexistentes e que desatenden as necesidades dos viaxeiros.

O Partido Popular considera que quere frearse o proxecto da A-76