










Dende hoxe xoves 12 de setembro, cando poñemos un pé na sala de exposicións de ABANCA do Barco, inúndanos unha sensación especial: de troula, de cultura, de cor e, sobre todo, de arte.
Kukas —Marcelino de Santiago Viqueira— é o artista que deseñou o cartaz das Festas do Cristo deste ano, e tamén o creador de todas as obras que se expoñen agora neste espazo do municipio barquense. «Esta é unha mostra moi reducida dos meus traballos, pero quixen expresar o meu cariño por esta vila e, sobre todo, a festa», explicaba o artista na inauguración.

Pola súa banda, a concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta, quixo destacar «o noso agradecemento de que Kukas, que vén dende Santiago, aceptase esta petición para amosar unha pequena parte da súa obra, que é moi especial».
A exposición estará aberta até o día 30 deste mes. Lembrar ademais que Kukas estará no Barco, de novo, o vindeiro luns 16 co seu espectáculo de monicreques "Un, dous tres, catro estacións. Viva Vivaldi".