viernes. 30.05.2025

«As Festas do Cristo son as de antes e as de agora, e con moita cor»

Marcelino de Santiago Viqueira, Kukas, é o artífice do cartel promocional deste ano. Ademais ofrecerá un espectáculo o luns día 16 de setembro e unha exposición aberta na sala ABANCA 
artista_kukas
Marcelino de Santiago Viqueira, Kukas.

Cores, monicreques, calantornias, orquestras, «o Barco no barco», o Paseo do Malecón e moito máis é o que se identifica no cartel das Festas do Cristo deste ano. O artista encargado de facelo realidade é Marcelino de Santiago Viqueira, coñecido como Kukas.

Un home entrañable, que cando fala deste traballo recorda anos pasados, das súas queridas festas neste municipio valdeorrés, e que quixo amosalo nunha sorte de elementos que, xuntos, fan lembrar o Cristo máis tradicional: o que pertence a todos. 

Baixo estas liñas pode ler, e escoitar, a conversa que mantivemos con el.

SOMOS COMARCA: Como definiría o cartaz para alguén que non poida velo?

KUKAS: Vése ao fondo a ponte de San Fernando sobre un ceo estrelado con moitas cores, moi festivo. Abaixo vése un gran barco, de Vadeorras, onde se fai a festa no pobo, e como símbolo do que era antigamente o Barco —con esa embarcación que cruzaba o río—. De aí saiu a miña idea, divertida, do barco no Barco. Hai carteles que, ademais de ser bonitos, teñen que perdurar

SC: Hai elementos persoais neste cartaz?

K: Hai moitos anos que ía ás festas do Barco e sempre tiña esa morriña de todo o que había. Aí foi a segunda función da miña compañía Os monicreques, hai xa 45 anos. Divertíame moito coa súa xente. Encontro que son como un fillo adoptivo, e sempre me tratan moi ben. Tentei xuntar a tradición co de agora, co fogueteiro, coa orquestra Valdeorras... todo un pouco.

Tamén está o Malecón, os parrulos... Eu cando fago eses grandes paseos polo Barco descubro cousas preciosas pero non me daba nin o tempo nin o tamaño do papel para poder metelo todo.

cartel cristo

SC: As cores do cartaz son algo impresionante...

K: É increíble. Eu traballo moitísimo con acrílico, e o que máis me gusta é facelo con acuarela, que é como está elaborado este cartel. Teño un moi bo material e a acuarela dá esa luminosidade de vidreira, translúcida, e esas cores por riba doutras dá moita diversión.

SC: Ademais deste cartaz haberá nas festas unha mostra co teu traballo na Sala de Exposicións ABANCA.

K: Historia de bastantes cartaces que fixen na miña vida sobre todo no mundo do teatro. Haberá preto de 20 carteis orixinais. Tamén haberá deseños de marionetas antes de facelas, porque non é coller un cacho de tea e xa está. Leva moitísimo tempo e temos que deseñar moito para un espectáculo. Gostaríame levar algunha marioneta pero non vai poder ser nesta ocasión. Creo que vai ser unha exposición moi interesante e vai provocar un sorriso nos que se acheguen.

SC: Sorrisos que tamén chegarán coa función que ofrecerá o luns 16 de setembro...

K: Ás veces cando facemos representacións "para nenos" chegas alí e hai 40 pequenos e 100 adultos, porque con cada neno van os pais ou os avós. Entón ves as caras dos adultos e están divertíndose. Será o espectáculo "Viva Vivaldi" e vamos tres actores. A música será toda de Vivaldi exclusivamente con guitarra, especial para esta obra. Ademais de pasalo ben con esta función tan vistosa coas catro actuacións, verán ás marionetas, aos actores e sombras chinas

A entrevista completa con Kukas está no seguinte enlace de audio:

«As Festas do Cristo son as de antes e as de agora, e con moita cor»