viernes. 30.05.2025

«A pedir de boca» e cun cartel especial: esta é a programación das Festas do Cristo

Baile, pasarrúas, música, arte, deporte e actividades para público familiar centran as propostas. O concerto de Fillas de Cassandra o 14 de setembro será o prato forte

somoscomarca_240723_obarco_programacioncristo494
A concelleira de Cultura, Margarida Pizcueta, na presentación do programa de festas.

O Concello do Barco desvelou xa os detalles da programación das Festas do Cristo 2024, un programa «a pedir de boca, baseado sobre todo en peticións, por e para os veciños», indicaba Margarida Pizcueta, concelleira de Cultura, na presentación do programa. Do 13 ao 16 de setembro a vila encherase de actos con propostas para todos os públicos. 

Serán catro días de festa nos que se desenvolverán máis de 30 actividades. Entre os eventos máis destacados está o concerto de Fillas de Cassandra, que terá lugar o sábado 14 de setembro no campo da festa. «Xa o domingo día 15 será o segundo concerto, co grupo Gin Toni's». 

A estes súmanse as orquestras, que este 2024 serán «de éxito». O 13 de setembro chegará Kubo; o 14 será a quenda dunha agrupación portuguesa, Função Pública, que «estará por primeira vez no Barco»; a orquestra Assia actuará o 15 de setembto; e Trébol —«unha das orquestras máis antigas de Galicia»— despedirá as festas o día 16. 

somoscomarca_240723_obarco_programacioncristo493

En canto ao pregón, outro dos momentos máis agardados, este ano correrá a cargo de José Prada Muradás, «un barquense afincado na Coruña que leva o noso municipio alá por onde vai. É un dos responsables de que o botelo e a súa festa chegasen á cidade herculina».

«As festas do Barco no barco»

Esta frase enténdese no momento en que vemos o cartel. «Está elaborado polo artista Kukas e conta con todos os elementos de antes e de agora», explicaba Margarida Pizcueta. Un artista que tamén terá a súa mostra aberta durante estas festas na sala de exposicións ABANCA, e que «realizará unha actividade para nenos o luns 16. 

Tamén destacaba a concelleira na presentación do programa «o tren turístico que haberá polas rúas, a procesión tradicional, os fogos de artificio, a Festa das Pandillas e a actuación de diferentes charangas, como Unión Phenosa».

Con todo, non pode haber unhas Festas do Cristo sen deporte. «A Milla, o Memorial Jess Carrera ou o Descenso do Sil estarán presentes, dende logo». 

«A pedir de boca» e cun cartel especial: esta é a programación das Festas do Cristo