Jesús Díaz Ferrer entra no cadro dos Valdeorreses Ilustres

O Instituto de Estudos Valdeorreses recoñeceu a traxectoria do pintor barquense nunha homenaxe acompañada dunha exposición das súas obras

O salón da segunda planta do Casino do Barco acolleu este xoves o acto de proclamación de Jesús Díaz Ferrer como Valdeorrés Ilustre, un recoñecemento promovido polo Instituto de Estudos Valdeorreses que serviu tamén para reivindicar a figura dun artista internacional profundamente ligado á súa terra natal.

O acto estivo conducido por Xulio Pérez, membro do IEV, un do organismos impulsores da exposición inaugurada durante a tarde, composta por obras pertencentes á colección do barquense Eugenio “Nito” Martínez Alejandre, coleccionista da obra do pintor.

Na sala atopábase o subdelegado do Goberno, Eladio Santos; o alcalde do Barco, Aurentino Alonso; a directora do IES Lauro Olmo, Amparo Quiroga; así persoeiros do mundo da cultura, do IEV ou mesmo da corporación barquense.

O primeiro en tomar a palabra foi o presidente do Casino, Pablo Dobao, quen destacou a importancia de recuperar actos culturais deste nivel tras os problemas sufridos recentemente pola entidade. «É unha honra para o Casino do Barco poder retomar un acto cultural tan importante como este», sinalou.

A continuación interveu o presidente do IEV, Aurelio Blanco Trincado, quen pronunciou un discursos onde se apreciaba o seu interese polo autor. «Hoxe síntome verdadeiramente feliz», confesou, asegurando que con este recoñecemento «faise xustiza a un valdeorrés que durante moitos anos permaneceu inxustamente esquecido na terra onde naceu».

Blanco Trincado lembrou ademais a fonda conexión sentimental de Díaz Ferrer con Valdeorras. «Foi unha terra á que amou profundamente, á que regresou con frecuencia e onde desexou que as súas cinzas repousasen espalladas para sempre».

O secretario da entidade, José Antonio Blanco, leu despois a acta oficial coa que o Instituto acordou por unanimidade concederlle a distinción, destacando a extraordinaria traxectoria internacional dun creador que expuxo en galerías e museos de España, Francia e outros países, e que traballou disciplinas tan diversas como a pintura, a escultura, o gravado ou a cerámica.

Un dos momentos máis especiais chegou coa intervención do profesor do IES Lauro Olmo, José Fernández Izquierdo, quen realizou unha apaixonada análise da obra e da personalidade artística de Díaz Ferrer. «Estamos ante un pintor vitalista que pinta con auténtica paixón e que consegue facernos partícipes desa emoción», afirmou.

Ao longo da súa intervención percorreu as múltiples influencias do artista, desde o postimpresionismo ata o expresionismo abstracto, pasando pola súa fascinación pola cor, a paisaxe valdeorresa, París ou os mitos clásicos. Tamén destacou o carácter libre e profundamente experimental da súa obra. «Era unha alma libre, un verso solto», resumiu.

Especialmente emotiva foi a lembranza da viúva do artista, Michelle Langlois, quen anos atrás amosara a súa satisfacción porque o legado do seu compañeiro de vida fose recoñecido finalmente no Barco. «Jesús sempre tivo sentimentos de afecto, amor e morriña pola súa terra», lembrou Fernández Izquierdo.

A intervención de Izquierdo foi a máis fresca, coa retranca típica de quen sabe do que fala, a palabra sinxela e chea de matices e detalles polo miúdo da vida e obra do autor. Ao final repartiu uns marca páxinas feitos polo alumnado do Lauro Olmo.

Tamén se leu un texto do profesor e artista Carlos Mato Conde, no que definía a Díaz Ferrer como «un artista complexo» para quen «arte e vida eran literalmente a mesma cousa». O documento afondaba na liberdade estética do pintor, na súa valentía creativa e na intensidade dunha obra que nunca deixou de experimentar.

O acto rematou coa entrega do diploma acreditativo ao sobriño do artista, Jesús Gómez Díaz, e cunha intervención de Nito Martínez Alejandre, quen aproveitou para reivindicar a creación dun museo ou espazo permanente dedicado á obra do pintor. «Jesús Díaz Ferrer non debe caer no esquecemento», reclamou.

Porque máis alá dun nomeamento institucional, a tarde converteuse tamén nun acto de memoria colectiva. Un reencontro coa figura dun creador universal que nunca deixou de levar Valdeorras nas súas paisaxes, nas súas cores e na súa maneira de entender a arte e a vida.

Tu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizadoTu prueba Premium ha finalizado