O salón da segunda planta do Casino do Barco acolleu este xoves o acto de proclamación de Jesús Díaz Ferrer como Valdeorrés Ilustre, un recoñecemento promovido polo Instituto de Estudos Valdeorreses que serviu tamén para reivindicar a figura dun artista internacional profundamente ligado á súa terra natal.

O acto estivo conducido por Xulio Pérez, membro do IEV, un do organismos impulsores da exposición inaugurada durante a tarde, composta por obras pertencentes á colección do barquense Eugenio “Nito” Martínez Alejandre, coleccionista da obra do pintor.
Na sala atopábase o subdelegado do Goberno, Eladio Santos; o alcalde do Barco, Aurentino Alonso; a directora do IES Lauro Olmo, Amparo Quiroga; así persoeiros do mundo da cultura, do IEV ou mesmo da corporación barquense.

O primeiro en tomar a palabra foi o presidente do Casino, Pablo Dobao, quen destacou a importancia de recuperar actos culturais deste nivel tras os problemas sufridos recentemente pola entidade. «É unha honra para o Casino do Barco poder retomar un acto cultural tan importante como este», sinalou.

A continuación interveu o presidente do IEV, Aurelio Blanco Trincado, quen pronunciou un discursos onde se apreciaba o seu interese polo autor. «Hoxe síntome verdadeiramente feliz», confesou, asegurando que con este recoñecemento «faise xustiza a un valdeorrés que durante moitos anos permaneceu inxustamente esquecido na terra onde naceu».

Blanco Trincado lembrou ademais a fonda conexión sentimental de Díaz Ferrer con Valdeorras. «Foi unha terra á que amou profundamente, á que regresou con frecuencia e onde desexou que as súas cinzas repousasen espalladas para sempre».
O secretario da entidade, José Antonio Blanco, leu despois a acta oficial coa que o Instituto acordou por unanimidade concederlle a distinción, destacando a extraordinaria traxectoria internacional dun creador que expuxo en galerías e museos de España, Francia e outros países, e que traballou disciplinas tan diversas como a pintura, a escultura, o gravado ou a cerámica.

Un dos momentos máis especiais chegou coa intervención do profesor do IES Lauro Olmo, José Fernández Izquierdo, quen realizou unha apaixonada análise da obra e da personalidade artística de Díaz Ferrer. «Estamos ante un pintor vitalista que pinta con auténtica paixón e que consegue facernos partícipes desa emoción», afirmou.
Ao longo da súa intervención percorreu as múltiples influencias do artista, desde o postimpresionismo ata o expresionismo abstracto, pasando pola súa fascinación pola cor, a paisaxe valdeorresa, París ou os mitos clásicos. Tamén destacou o carácter libre e profundamente experimental da súa obra. «Era unha alma libre, un verso solto», resumiu.

Especialmente emotiva foi a lembranza da viúva do artista, Michelle Langlois, quen anos atrás amosara a súa satisfacción porque o legado do seu compañeiro de vida fose recoñecido finalmente no Barco. «Jesús sempre tivo sentimentos de afecto, amor e morriña pola súa terra», lembrou Fernández Izquierdo.
A intervención de Izquierdo foi a máis fresca, coa retranca típica de quen sabe do que fala, a palabra sinxela e chea de matices e detalles polo miúdo da vida e obra do autor. Ao final repartiu uns marca páxinas feitos polo alumnado do Lauro Olmo.

Tamén se leu un texto do profesor e artista Carlos Mato Conde, no que definía a Díaz Ferrer como «un artista complexo» para quen «arte e vida eran literalmente a mesma cousa». O documento afondaba na liberdade estética do pintor, na súa valentía creativa e na intensidade dunha obra que nunca deixou de experimentar.
O acto rematou coa entrega do diploma acreditativo ao sobriño do artista, Jesús Gómez Díaz, e cunha intervención de Nito Martínez Alejandre, quen aproveitou para reivindicar a creación dun museo ou espazo permanente dedicado á obra do pintor. «Jesús Díaz Ferrer non debe caer no esquecemento», reclamou.

Porque máis alá dun nomeamento institucional, a tarde converteuse tamén nun acto de memoria colectiva. Un reencontro coa figura dun creador universal que nunca deixou de levar Valdeorras nas súas paisaxes, nas súas cores e na súa maneira de entender a arte e a vida.




