lunes. 02.06.2025

De flores sinxelas a arranxos elaborados: o gusto dos valdeorreses no Día de Todos os Santos

María González, xerente de Pelo, Pico, Planta, ábrenos as portas da tenda para coñecer como son os días previos a esta celebración
portada_pelopicoplanta
De flores sinxelas a arranxos elaborados: o gusto dos valdeorreses no Día de Todos os Santos

O Día de Todos os Santos en Valdeorras está marcado por unha tradición que perdura no tempo: a de decorar as tumbas dos seres queridos con flores. Aínda que os costumes mudaron co paso dos anos, o espírito de honrar a memoria dos que se foron permanece intacto. María González, xerente de "Pelo, Pico, Planta", ten unha visión moi especial sobre esta evolución, reflectida nos arranxos florais que enchen de cor e beleza os cemiterios.

somoscomarca_241025_obarco_pelopicoplanta_santos_flores630

«A xente ten o gusto máis refinado, por dicilo dunha maneira», comenta María. Ela lembra como cando era nena as familias recollían unhas poucas flores –gladiolos, azucenas, margaritas– e mesturábanas cun pouco de verde para confeccionar na casa. Aqueles tempos, marcados pola sinxeleza, contrastan co que se vive hoxe en día, onde os valdeorreses buscan algo máis elaborado e sofisticado, capaces de transmitir todo o amor e a lembranza polos seus seres queridos.

somoscomarca_241025_obarco_pelopicoplanta_santos_flores634

María lembra como era a tradición cando ela era nena: «O que se facía era buscar unhas flores, que aínda se segue facendo, como cravos e un pouco de verde, e confeccionábase en casa. Usábanse os típicos gladíolos, azucenas, margaritas… e facíase de forma caseira». Con todo, recoñece que os tempos cambiaron, e agora a comodidade prima: «Quizais polo mundo tan estresante no que vivimos, fixémonos máis cómodos, por así chamalo, e búscase ter o traballo rematado. Unha vez que o probas, ao ano seguinte volves a recorrer ao mesmo».

somoscomarca_241025_obarco_pelopicoplanta_santos_flores636

O caravel segue sendo o gran protagonista, aínda que outras opcións gañan terreo. A paniculata tamén é moi pedida porque é un acompañamento perfecto para calquera flor. María sinala que as flores exóticas están a gañar popularidade: «Sobre todo, falo por min, porque me gusta experimentar, e a xente coñéceas a través de min. Ademais, teñen unha vida longa, podendo aguantar un mes ou máis».

somoscomarca_241025_obarco_pelopicoplanta_santos_flores642

En canto ao gasto medio dos clientes nesta época, María estima que ronda os 40 ou 50 euros, «ben sexa nun paquete de margaritas ou un traballo máis elaborado». A maioría dos clientes optan por arranxos para varias tumbas, o que eleva o gasto total. Para facilitar as eleccións, desde "Pelo, Pico, Planta" ofrecen asesoramento personalizado e traballan con exemplos visuais: «Temos carteis para que poidan ver como quedará. Ademais, axudamos a elixir dependendo do tipo de tumba e do lugar onde se vaia colocar».

somoscomarca_241025_obarco_pelopicoplanta_santos_flores643

A tendencia cara a arranxos máis traballados é un reflexo da importancia de manter viva a memoria dos seres queridos, e de facelo con opcións que luzan e perduren no tempo. «Ao final, trátase de levar un traballo que destaque, e para iso necesitamos ese contacto directo co cliente, para que todo quede correctamente», conclúe María.

Si desexa ver o vídeo completo pode facelo aquí:

De flores sinxelas a arranxos elaborados: o gusto dos valdeorreses no Día de Todos os...