
Arredor de 4.000 sinaturas son as que o grupo de nais e pais recolleron —ata o de agora— para esixir a cobertura da praza vacante de pediatría do Centro de Saúde do Barco de Valdeorras ante a inminente xubilación do profesional actual. Levamos abordando esta loita dende o seu comezo coa primeira concentración ás portas do centro de saúde barquense, alá polo mes de marzo.
A 21 de xuño fomos testigo dunha proposta aprobada de xeito unánime polos tres partidos que conforman corporación municipal do Barco —PSOE, PP e BNG—; dunha recollida de sinaturas que arrincou no mes de abril; e dunha segunda concentración das nais, pais, políticos e cidadáns comprometidos coa causa.
Ademais das sinaturas recollidas polas nais e pais, agora enviaron —segundo nos contan— un correo ao actual xerente da Área Sanitaria de Ourense, Verín e O Barco de Valdeorras, Santiago Camba Bouzas, para que «dea prioridade a este problema que parece non ter solución a curto ou medio prazo». Explican que, máis dunha semana despois, non recibiron resposta.
As reivindicacións entran no Parlamento Galego
Foi o Partido Socialista quen levou á Comisión de Sanidade de onte, xoves 20 de xuño, unha proposición non de lei para ser debatida. Nela, propuxo adoptar o seguinte acordo «O Parlamento de Galicia insta á Xunta de Galicia a que garanta a calidade asistencial no Centro de Saúde do Barco de Valdeorras solucionando a falta de cobertura das prazas de pediatra».
Esixían os socialistas «ao Sergas unha solución á espera de nais e pais para que os fillos e fillas sexan valoradas por un profesional da sanidade pública, así como solicitamos unha calidade asistencial adecuada».
O BNG —que xa tiña adoptado unha posición clara e pública coa súa rolda de prensa ofrecida no Barco— votou a favor da devandita proposición non de lei, pero emendou a proposta para substituír o texto por este: «O Parlamento Galego insta ao Goberno Galego a garantir a atención sanitaria en atención primaria as nenas e nenos do distrito sanitario de Valdeorras con especialistas en pediatría de xeito permanente; e polo tanto insta a Xunta a cubrir as vacantes e ausencias das e dos pediatras».
Por parte dos nacionalistas lembraron no Parlamento que «este non debe convertirse nun problema crónico. Debe ser resolto. E dende o BNG estaremos do lado das nais e pais na súa reivindicación».
O Partido Popular rexeitou a proposta non de lei, e afirmaba no Parlamento que «a atención de pediatría no Hospital de Valdeorras está completamente garantida grazas á prolongación de xornada dos profesionais que traballan neste centro sanitario». Ademais, refería que «a Xunta ten aberto un procedemento por concurso de méritos para dotar de profesional esta praza vacante de pediatría».
Os populares dirixíronse tamén ao Goberno central lembrando «as nosas reclamacións de adoptar medidas para facer fronte ao problema de falta de pediatras e médicos de familia» e demandaron «que nos fagan caso cando pedimos flexibilizar a acreditación de prazas, cambiar o método de asignación das MIR e crear un rexistro estatal de profesionais».
Cómpre recordar que o pleno do Barco de Valdeorras asinou, de xeito unánime, a proposta das nais e pais para esixir a cobertura das prazas. En dito pleno, o BNG pronunciouse reflexionando: «Oxalá este acordo entre partidos ocorra tamén no Parlamento Galego á hora da verdade».