A enerxía solar reducirá un 25% o gasto eléctrico da Piscina Climatizada do Barco
A Piscina Municipal Climatizada do Barco de Valdeorras incorporará nas próximas horas un sistema de placas fotovoltaicas que permitirá reducir notablemente o consumo enerxético e mellorar a sustentabilidade das instalacións. O proxecto, cun custo final de algo máis de 49.000 euros, conta cunha subvención do 60% a través de fondos Feder.
Na piscina xa existía unha instalación de placas termosolares destinadas a alimentar o sistema de auga quente. Agora, este compromiso co uso de enerxías alternativas amplíase coa colocación de 90 módulos fotovoltaicos cunha potencia total de 50 kW, capaces de xerar máis de 62.000 kWh ao ano. O sistema funcionará en réxime de autoconsumo colectivo con compensación de excedentes, o que significa que a enerxía que non se consuma será vertida á rede eléctrica e posta a disposición da comercializadora.
Segundo datos do Concello, o consumo actual da piscina climatizada ronda os 250.000 kWh anuais, o que supón un gasto de entre 30.000 e 40.000 euros ao ano. Grazas á nova instalación, cubrirase preto do 25% do consumo eléctrico, o que permitirá un aforro estimado de 10.000 euros anuais.
A posta en marcha deste proxecto ten como obxectivo, segun o Concello, non só o aforro económico, senón tamén servir como exemplo de sostenibilidade e aproveitamento de enerxías limpas, reducindo as emisións de CO₂ e favorecendo a integración das renovables no sistema a través dunha xestión máis eficiente da demanda enerxética.