miércoles. 20.08.2025

‘Entre covas’ adía a súa terceira cita en Valdeorras ao 19 de setembro polos lumes

O evento manterá o mesmo formato na nova data. As entradas xa adquiridas seguen a ser válidas, e aquelas persoas que non poidan asistir poderán solicitar o reembolso.
somoscomarca_20250609_arua_presentacion_entrecovas_merelles468
‘Entre covas’ adía a súa terceira cita en Valdeorras ao 19 de setembro por respecto aos lumes

A terceira xornada do festival enoturístico ‘Entre covas’, previsto para este venres 22 de agosto en Bodegas Blare (Vilanova, O Barco), queda reprogramada para o 19 de setembro. A decisión foi tomada pola Asociación Ruta do Viño de Valdeorras como mostra de respecto ante a vaga de incendios que está a afectar á comarca e ao proceso de reconto de danos que atravesan moitas vilas.

O evento, que inclúe o espectáculo de danza contemporánea CEIBE, da compañía Fran Sieira, e unha cata de viños ao aire libre, manterá o mesmo formato na nova data. As entradas xa adquiridas seguen a ser válidas, e aquelas persoas que non poidan asistir poderán solicitar o reembolso.

Desde a Ruta do Viño quixeron trasladar unha mensaxe de apoio «a todas as persoas afectadas polos lumes forestais destes días, especialmente a aqueles que perderon vivendas ou cultivos». A entidade destacou tamén que a viticultura, a hostalería e o enoturismo son claves para manter vivo o rural, «porque un rural con actividade económica e agrícola é un rural que resiste».

O festival pecharase o 19 de setembro nos xardíns de Bodegas Blare, onde ademais do espectáculo será posible visitar a cova da adega antes e despois da representación. As entradas, cun prezo de 25 euros, inclúen acceso á actuación, á cata de viños e a petiscos, e poden adquirirse en Ton y Son ou a través da web da Ruta do Viño.

‘Entre covas’ adía a súa terceira cita en Valdeorras ao 19 de setembro polos lumes