jueves. 05.06.2025

O Barco saca a concurso a renovación dos servidores electrónicos do Concello

O contrato ten un importe máximo de preto de 50.000 euros. O adxudicatario disporá dun prazo de 3 meses para a execución dos traballos
somoscomarca_240426_obarco_casadoconcello174
O Barco saca a concurso a renovación dos servidores electrónicos do Concello.

O Concello do Barco publicou no Perfil do Contratante da Sede Electrónica do Concello o concurso, polo procedemento aberto e simplificado, para a subministración, instalación, configuración e posta en marcha da renovación da solución integrada de virtualización de servidores, almacenamento e backup existente nas dependencias do Concello.

O contrato ten un importe máximo de «algo menos de 50.000 euros». O adxudicatario disporá dun prazo de 3 meses para a execución dos traballos, que pretenden englobar tanto a subministración do equipamento como os servizos de instalación e configuración do mesmo, incluíndo todos os elementos accesorios e licenzas de software necesarias para a súa posta en explotación.

Entre as tarefas para realizar englóbanse «a subministración e montaxe dos diversos elementos definidos nos pregos, as instalacións, configuracións e posta en marcha da infraestrutura, a instalación e configuración do software, a migración das maquinas virtuais actuais na nova contorna e o servizo de formación e documentación».

O proxecto inclúe tamén un sistema de almacenamento consolidado e o seu correspondente sistema de backup, replicación e recuperación, así como virtualización e/o migración das máquinas existentes, e «todo iso nunha contorna con alta dispoñibilidade, fácilmente escalable, que a súa vez sexa respectuoso co medio ambiente, e responda a criterios de eficiencia enerxética e simplificación da instalación».

A presentación de proposicións e documentos para este procedemento —para o que hai un prazo de 15 días naturais— realizarase «exclusivamente a través da plataforma telemática Mercurio».

O Barco saca a concurso a renovación dos servidores electrónicos do Concello