O Barco leva o seu potencial turístico a Portugal na IX edición de Expocidades
O Concello participa en Amarante nunha das principais feiras de turismo de proximidade do Eixo Atlántico para promocionar Valdeorras e atraer novos visitantes
O Barco leva o seu potencial turístico a Portugal na IX edición de Expocidades
O Concello do O Barco de Valdeorras participa desde este venres na IX edición de Expocidades, a feira de turismo de proximidade organizada polo Eixo Atlántico, que se celebra na cidade portuguesa de Amarante entre os días 8 e 10 de maio.
A cita, consolidada xa como unha das máis importantes deste ámbito, reúne nesta edición a 29 entidades participantes nun espazo pensado para promocionar destinos turísticos, cultura, tradicións e produtos locais.
A inauguración desenvolveuse este venres no Parque Multifuncional do Rossio, escenario no que arrincaron tres xornadas centradas na promoción dos municipios participantes e na difusión da súa oferta turística, cultural e económica.
O Concello do Barco conta cun stand propio desde o que está a dar a coñecer os atractivos turísticos de Valdeorras, coa intención de incrementar o interese pola comarca entre os milleiros de visitantes que adoitan achegarse a esta feira en cada edición.
Durante os tres días de programación, Expocidades inclúe degustacións de produtos locais, exhibicións de tradicións, artesanía, obradoiros, actividades infantís, música, teatro e demostracións en vivo.
A feira enmárcase dentro da estratexia turística do Eixo Atlántico, que aposta por un modelo de turismo responsable, sostible e orientado á excelencia, promovendo ao mesmo tempo un desenvolvemento equilibrado do territorio.