O edificio multiusos do O Barco de Valdeorras acolleu este venres unha xornada participativa arredor da cultura da castaña e do futuro dos soutos tradicionais. A iniciativa, impulsada pola Fundación Juana de Vega dentro do proxecto SoutoLAB, reuniu produtores, comercializadores, representantes veciñais e persoas vinculadas ao territorio nun encontro no que se puxeron sobre a mesa problemas, necesidades e tamén propostas para revitalizar estes espazos tan ligados á identidade do rural galego.
Na charla participaron Francisco García e Daniel Canosa, técnicos de desenvolvemento rural vinculados ao proxecto, ademais de veciños e produtores chegados de diferentes puntos da comarca como Porto-Real, Domiz, Alixo ou Viladequinta. Tamén asistiu a concelleira de Cultura e Educación, Margarida Pizcueta, un comercializador de castañas Moral, así como representantes da Serra do Eixe e doutros colectivos relacionados co territorio.
O encontro desenvolveuse nun formato moi aberto e participativo, no que cada asistente foi aportando a súa visión sobre a situación actual dos soutos e as posibilidades de futuro. Entre as principais preocupacións apareceron os incendios forestais do ano 2022 —que causaron estragos en moitas zonas e chegaron a queimar o 90 % dos soutos en lugares como Robledo de Domiz—, as enfermidades que afectan aos castiñeiros, como a avespiña, o chancro ou os fungos, ademais do impacto do cambio climático e do progresivo abandono do rural.
Francisco García explicou durante a súa intervención que o proxecto nace precisamente da necesidade de escoitar ás comunidades locais e detectar que potencialidades existen arredor da cultura da castaña. «Todos os territorios teñen potencialidades e a nosa función é facilitar procesos para que esas oportunidades poidan desenvolverse», sinalou.
O técnico lembrou que a Fundación Juana de Vega leva máis de século e medio traballando no desenvolvemento rural de Galicia e explicou que SoutoLAB busca analizar non só o valor económico da castaña, senón tamén a dimensión cultural, ambiental e social dos soutos.
«O souto é moito máis ca un espazo produtivo. É un ecosistema, un elemento de protección fronte aos incendios e tamén unha parte fundamental da memoria e da identidade das aldeas», destacou.
Ao longo da sesión falouse tamén da forte conexión emocional que moitas persoas manteñen cos soutos e co ciclo tradicional da castaña: as podas, os magostos, a recollida ou os traballos comunitarios que durante xeracións marcaron a vida das aldeas.

«Hai unha cultura da castaña igual que hai unha cultura do viño», afirmou García, advertindo de que moitos destes coñecementos tradicionais corren o risco de perderse polo abandono dos soutos e o envellecemento da poboación.
O proxecto SoutoLAB desenvolverase ata o ano 2027 en Valdeorras e Terras de Trives e contempla diferentes liñas de traballo centradas na recuperación dos soutos, o estudo das súas posibilidades económicas e a conservación do patrimonio cultural ligado á castaña.
Entre as propostas finais que xurdiron durante a mesa redonda destacou a necesidade de comezar cun traballo técnico de análise das distintas variedades de castiñeiro existentes en cada zona para identificar cales poden ser máis produtivas e adaptadas ás condicións actuais.
Tamén se puxo enriba da mesa a importancia de organizar futuras xornadas específicas sobre comercialización, enfermidades dos castiñeiros ou modelos de aproveitamento que permitan facer viables economicamente os soutos tradicionais.
A sesión rematou cun ambiente moi construtivo e coa sensación compartida de que recuperar os soutos pode converterse non só nunha ferramenta para preservar a paisaxe e reducir o risco de incendios, senón tamén nunha oportunidade real de futuro para o rural.

