O Concello do Barco saca a concurso o proxecto de "Pavimentación e renovación de infraestruturas na rúa Elena Quiroga, marxe esquerda". Publicouse onte no Perfil do Contratante da Sede Electrónica dito concurso para a adxudicación da obra, cun orzamento de 155.000 euros. Trátase dunha obra cofinanciada pola Deputación Provincial de Ourense, que aporta 100.000 euros.
Esta obra supón a primeira das tres que sairán a concurso con carácter inmediato. As dúas restantes son a primeira fase do saneamento, abastecemento e pluviais nas rúas Ribera, Soto de Yáñez e da Veiguiña; e a primeira fase da obra de camiños rurais de Éntoma.
O proxecto deberá executarse nun período máximo de catro meses e inclúe a renovación das infraestruturas de saneamento, que «pola súa antigüidade atópanse moi deterioradas, producíndose roturas e fugas». Isto ademais provoca «afundimentos nas beirarrúas».
Ademais «soterrarase a rede de iluminación pública». Segundo información facilitada ao autor do proxecto polo Servizo de Augas do Concello, esta marxe conta á súa vez cunha rede de abastecemento nova de PVC, polo que «só se renovarán as acometidas desta rede ás vivendas, e unirase á rede completa —agora dividida en dous tramos— para crear unha malla pechada e abastecer ao maior número de usuarios» en caso de avaría.
Tamén procederase á «renovación do pavimento das beirarrúas e da sinalización da calzada; a creación dunha nova beirarrúa na marxe esquerda do acceso á N-536, para unir nunha actuación posterior coa beirarrúa que discorre por esta marxe da estrada». Confirman tamén dende o Concello que, para «evitar actuacións futuras, as canalizacións de iluminación pública, telefonía e enerxía colocaranse soterradas».
A presentación de proposicións e documentos realizarase exclusivamente a través da plataforma Mercurio durante 20 días tras o anuncio no portal de Contratos Públicos de Galicia. No perfil de contratante están publicados, ademais do anuncio de licitación, os pregos administrativos e o proxecto técnico definidor da obra.