jueves. 18.04.2024

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publica hoxe o decreto polo que se aproba o cambio de titularidade da avenida Elena Quiroga a prol do Concello do Barco de Valdeorras. No seguinte enlace ao DOG pódese consultar este decreto: goo.gl/mb8wRl

O Concello do Barco de Valdeorras solicitou á Consellería de Infraestruturas e Vivenda o traspaso desta vía que ten unha lonxitude de 400 metros. Neste sentido, a Axencia Galega de Infraestruturas (AXI), de acordo co informe emitido polos servizos competentes, formulou a proposta favorable á citada transferencia.

Esta vía actúa como variante da N-536, ao seu paso polo núcleo de Viloira, estando delimitada entre a Ponte de San Fernando, a estrada autonómica OU-121 e un cemiterio.

A Consellería de Infraestruturas e Vivenda ten entre as súas funcións a tramitación dos cambios de titularidade das estradas incluídas nas redes das entidades locais, logo do acordo das administracións afectadas. Os cambios de titularidade deberán ser aprobados por decreto da Xunta de Galicia.

O cambio de titularidade será efectivo a partir de mañá e a entrega dos bens formalizarase no prazo dos dous meses seguintes mediante a sinatura da correspondente acta.

Corresponderanlle ao Concello do Barco de Valdeorras, a partir da formalización da entrega, todas as actividades de xestión, mantemento, conservación e explotación da vía, así como o exercicio das funcións de disciplina viaria e calquera outra que puidese corresponderlle como nova Administración titular das estradas.

O DOG publica o cambio de titularidade da Avenida Elena Quiroga