martes. 03.06.2025

A choiva condiciona a Festa dos Maios

Só puideron cantar as coplas os alumnos do CEIP Julio Gurriarán. Os Maios puideron saír á praza do Concello e o Pavillón Vello acolleu a Feira de Produtos Artesanais, o espectáculo de maxia e os premios

As lendas e historias contan que a Festa dos Maios marca en Galicia o fin do inverno e a chegada da primavera e do verán. Este ano, no Barco, a choiva intermitente obrigou a modificar os plans segundo avanzaba o día. Unha celebración popular que ten tamén por obxectivo atraer boas colleitas e afastar perigos para o campo. Outros contos falan de que, quen coloca maios na porta dos negocios, das casas ou nos coches, consegue escorrentar ás meigas

No Barco de Valdeorras a tradición únese á cultura galega de adornar figuras de madeira con froitos e flores. Esta mañá de 1 de maio estas construccións saen á rúa, con música acompañando e con coplas entonadas polos máis pequenos do municipio. Nesta ocasión a música chegou á praza do Concello da man da agrupación Lembranzas da Ría, de Cangas do Morrazo, que animaron aos presentes incluso a bailar baixo a choiva.

somoscomarca_240501_obarco_maios187
Baile na praza do Concello.

Inauguraba a Festa a apertura da Feira de Produtos Artesanais, que tivo que realizarse este ano no Pavillón Vello do Barco. Un espazo repleto de xente que saiu para desfrutar desta Festa aínda que caese unha chuvieira. Máis de 20 postos de alimentación, libros, xoguetes en madeira, doces, traballos en coiro, licores e un longo etcétera para servir a todos os asistentes, e tamén agasallos centrados xa no Día da Nai —que se celebra o domingo 5 de maio—.

somoscomarca_240501_obarco_maios212
Feira de Produtos Artesanais no Pavillón Vello.

E como non hai Maios sen coplas, cantos que poden ser alegres ou primaverais pero tamén satíricos, con temas e personaxes da actualidade. Este ano a praza do Príncipe só puido servir como escenario aos nenos do CEIP Julio Gurriarán —da ANPA Aturuxo— debido á intensa choiva que caía nese momento. 

somoscomarca_240501_obarco_maios192
Alumnos do CEIP Julio Gurriarán antes de entonar as súas coplas.

Chegou a tarde, e o Mago Teto ofreceu o seu espectáculo de maxia "O Afiador" para público familiar no Pavillón Vello. Preludio do que foron os premios, cos seguintes resultados: 

Na categoría dos Maios Artísticos

  • O primeiro posto foi para o CEIP Ramón Otero Pedraio.
  • O segundo posto para a Asociación Asfaval.
  • Terceiro lugar acadado polo CEIP Condesa de Fenosa.
  • Un accésit de 100 euros para a asociación Disvalia.

Na categoría dos Maios Enxebres

  • O primeiro posto foi para o ANPA Aturuxo.
  • O segundo posto para o CEIP Ramón Otero Pedraio.
  • Terceiro lugar acadado polo CEIP Divina Pastora.
  • O primeiro accésit para o CEIP Condesa de Fenosa.

No caso das Coplas, a recompensa foi a seguinte:

  • O primeiro posto foi para a ANPA Aturuxo
  • No segundo foi acadado polo CEIP Divina Pastora.
  • Dous accésit para o CEIP Condesa de Fenosa e para o CEIP Ramón Otero Pedraio

Por último atópase a categoría de Arcos Florais, que tivo un premio único para o CEIP Divina Pastora. 

A choiva condiciona a Festa dos Maios