Case cen mulleres reuníronse no Pazo do Castro para conmemorar o 8M

Oitenta e seis mulleres da asociacións da Veiga, ëntoma, Veigamuiños, Arcos, Femuro e Viloira reuníronse para celebrar un xantar de confraternidade 

Este 8 de marzo, case que cen mulleres reuníronse no Pazo do Castro para celebrar o Día Internacional da Muller, nun encontro bianual que congrega mulleres do rural da Veiga, Éntoma, Veigamuiños, Arcos, Femuro e Vilora, anfitrioas e organizadoras do evento.

A xornada comezou cunha lectura reivindicativa a cargo de Felisa da Cal, quen deu voz a un manifesto no que se puxo de relevo a loita constante das mulleres pola igualdade, a xustiza e a liberdade. As palabras do manifesto destacaron a importancia da unidade interxeracional e da sororidade para continuar avanzando nos dereitos conquistados. Subliñouse que ningunha vitoria está garantida e que cada avance é froito do esforzo colectivo de xeracións de mulleres que nunca calaron fronte ás inxustizas.

Durante a lectura, fíxose fincapé na necesidade de seguir loitando por salarios dignos, a corresponsabilidade real, o fin das violencias machistas e o respecto polos corpos e as vidas das mulleres. O acto reivindicou a presenza transformadora das mulleres na sociedade e a necesidade de non permitir retrocesos nos dereitos acadados.

Antes de dar comezo á comida de confraternización, realizouse unha performance simbólica chamada "Reventamos o machismo". As participantes empregaron globos brancos con palabras representativas das opresións da sociedade patriarcal, que foron estourados como un xesto de rexeitamento a esas imposicións. A continuación, puxéronse en valor conceptos vinculados ao feminismo e á igualdade, subliñando a importancia da loita e dos logros conseguidos ata o momento.

O evento serviu non só como un espazo de encontro e reflexión, senón tamén como un acto de reafirmación da loita feminista. As mulleres presentes deixaron claro que non darán nin un paso atrás e que seguirán traballando por un futuro onde todas poidan camiñar máis libres, máis fortes e sen medo. Unha vez máis, quedou patente que a revolución é colectiva e que a unión das mulleres é a chave para seguir avanzando cara a unha sociedade máis xusta e igualitaria.