sábado. 02.08.2025

Carla Lourdes inaugura cun cheo total a sexta edición do Terrasón no Barco

A cantautora berciana afincada en Vigo emocionou á Praza Maior co seu pop íntimo e persoal, nunha noite chea de sentimento e raíces valdeorresas
somoscomarca_20250801_obarco_plazamayor_terrason_carla (7)
Carla Lourdes inaugura cun cheo total a sexta edición do Terrasón no Barco

A Praza Maior do Barco de Valdeorras converteuse nun auténtico escenario de emocións na noite do 1 de agosto coa actuación de Carla Lourdes, encargada de dar comezo á sexta edición do ciclo Terrasón. O evento, promovido pola Concellería de Cultura do Concello do Barco e patrocinado por Turismo de Galicia, busca dinamizar as zonas de terrazas da hostalería local a través da música en directo.

somoscomarca_20250801_obarco_plazamayor_terrason_carla (5)

O concerto arrancou ás 22:30 horas, e a praza encheuse ata a bandeira para recibir a esta artista berciana, que posúe fortes raíces familiares en Casaio (Carballeda de Valdeorras). Como mostra de apoio e cariño, parte do público fixo visible o seu orgullo cunha pancarta dedicada a ela, lembrando a conexión emocional da cantautora coa terra da súa nai.

somoscomarca_20250801_obarco_plazamayor_terrason_carla (6)

O público gozou co pop íntimo e delicado de Carla Lourdes, unha das voces emerxentes con máis proxección do panorama musical. As súas cancións, cargadas de emoción e autenticidade, conectaron de forma directa coa xente, ofrecendo unha noite que moitos lembrarán durante tempo.

 

A traxectoria dunha voz con alma

Nacida en Ponferrada e residente en Vigo, Carla Lourdes comezou a compoñer aos 15 anos, pero non foi ata os 24 cando decidiu compartir a súa música. En xuño de 2021 debutou co sinxelo Sen Instrucións, que marcou o inicio dunha carreira que non deixou de medrar. En 2022 chegou o seu primeiro EP, O querer das flores, autoeditado e moi ben recibido tanto polo público como pola crítica.

Desde entón, a súa traxectoria inclúe máis de 20 concertos en 2022 e 17 datas adicionais en 2023, consolidándose como unha das artistas máis prometedoras do novo pop español. O seu estilo fresco, con letras profundas e melodías pegadizas, sitúaa na estela de nomes como Zahara, Natalia Lacunza ou Yoly Saa, pero con unha personalidade única que a fai recoñecible desde o primeiro acorde.

 

Carla Lourdes inaugura cun cheo total a sexta edición do Terrasón no Barco