

















Os equipos de Dinamización da Lingua Galega dos colexios e institutos do Barco e tamén este ano dos de Rubiá e Sobradelo, un ano máis, xuntan os seus esforzos para celebrar o Día das letras Galegas, este ano adicado a Francisco Fernández del Riego, co título Tecedor de Redes.
Dunha rede colocada entre os plataneiros da zona da pasarela do Paseo do Malecón, do Barco, penduran as biografías dos homenaxeados das Letras Galegas e peixes coa mesma temática. «Os colexios traballamos ao redor desa temática», explica Marta Cortés do equipo de Dinamización da Lingua Galega, do instituto Martaguisela, mentres xunto aos demais compañeiros a coloca.

Pendurar a rede das árbores do Malecón, non foi traballo doado. «Aquí estamos con moita dificultade», sinalaba Marta; quen recalcaba que «a rede que é o eixo da actividade está dando moito traballo pero penso que vai quedar moi chulo».
«A rede simbólica pendurada de biografías de todos os homenaxeados das letras galegas e de peixes con temática tamén relativa a Fernández del Riego. O que significa, biografía e obra», explicaba.

Os centros de ensino participantes traballaron xuntos no Malecón. Do Barco: CEIP Condesa de Fenosa, CEIP Julio Gurriarán, CEIP Otero Pedrayo, Colexio Plurillingüe Divina Pastora, IES Lauro Olmo, IES Martaguisela. De Rubiá, CEIP Virxe da Enciña e de Sobradelo, CPI Tomás Terrón Mendaña.
A asociación Centro Comercial Aberto —CCA— O Barco colabora con estes equipos , na organización da campaña «Francisco Fernández del Riego: tecedor de redes» para festexar as Letras Galegas 2023.

Así, os establecementos asociados ao CCA O Barco —un total de trinta e nove— amosan desde onte, 10 de maio, cartas de Francisco Fernández del Riego nos seus escaparates feitas e decoradas polo alumnado dos centros escolares.
Ademais, os cativos da comarca poderán participar nunha xincana buscando as cartas nos establecementos e vinculando as mesmas cos encabezamentos indicados nun folleto de participación que deberán selar en cada establecemento. Ao completar a xincana e ter o folleto cuberto, xunto cos datos persoais, deberán depositalo nunha urna instalada nas oficinas do CCA O Barco.
