O Barco xa ten todo preparado para participar nos XVI Xogos do Eixo Atlántico, que se celebrarán entre o 5 e o 10 de xullo en Santiago de Compostela. Un total de 54 deportistas e adestradores dos clubs ADAS Barco, Club Femenino Sil Baloncesto Barco e Club Volei San Martiño-Sección O Barco formarán parte da expedición barquense nun evento que reunirá arredor de 2.000 participantes de 28 municipios de Galicia e do norte de Portugal.
A representación do Concello competirá nas modalidades de atletismo feminino e masculino, baloncesto masculino e feminino e voleibol feminino, nunha edición que, ademais, incorpora novidades como a participación do voleibol masculino e reduce a idade máxima dos participantes aos 14 anos, reforzando o carácter formativo destes xogos.

Na recepción ofrecida aos deportistas antes da viaxe, o alcalde do Barco, Aurentino Alonso, quixo transmitirlles unha mensaxe de ilusión e responsabilidade, lembrándolles que vivirán unha experiencia difícil de esquecer.
«Pois vades vivir unha experiencia moi bonita, este ano en Santiago, xunto a 2.000 rapaces e rapazas coma vós», destacou o rexedor, quen lles lembrou que competirán fronte a cidades de gran nivel deportivo como Vigo, Lugo, Ourense, Braga, Porto ou Guimarães.
Alonso insistiu en que o máis importante será representar dignamente ao municipio. «O único que vos pedimos é que desfrutedes moito, pero que deixedes o pavillón do Barco ben alto. E se non se gaña, sobre todo, que o desfrutedes», afirmou antes de despedirse cun agradecemento: «Moitas grazas por representar ao Barco e, sobre todo, desfrutade».
Un orgullo para o baloncesto barquense
Entre os equipos participantes volverá estar o Club de Baloncesto Muebles Victoria Barco, que acudirá por cuarto ano consecutivo a esta competición.
A súa adestradora, Patricia Gómez, recoñecía que volver formar parte dos Xogos é un motivo de satisfacción. «Un ano máis representando este deporte dentro do Concello e contra outros concellos. A nivel galego e tamén con Portugal é unha experiencia moi boa e un orgullo poder estar aí xunto a todos eses equipos», sinalou.
A ilusión tamén se percibe nos propios xogadores. Para Matías, vestir a camisola do Barco supón «un orgullo representar ao fin e ao cabo ao Barco nunha miniolimpiada», mentres asegura que afrontan a competición «motivados e con ganas de ir a por todo».

O mozo destaca ademais que estes xogos van moito máis alá dos resultados deportivos. «Coñeces máis xente, relaciónaste nun entorno novo e todo iso suma experiencias na vida», explica.
Cayetana, que xa participou nunha edición anterior, confía en mellorar o resultado obtido daquela. «Estou moi contenta de volver aos Xogos do Eixo. O ano pasado non se nos deu moi ben, pero este ano imos con máis ganas e imos intentar gañar todos os partidos ata chegar á final», asegura.
A xogadora lembra tamén que a convivencia é un dos grandes atractivos da cita: «Faise moitísimos máis amigos e ao final o máis importante é pasalo ben».
O atletismo, con ilusión e pensando na convivencia
Desde o ADAS Barco, o seu presidente, Agustín González "Tinín", coñece ben unha competición na que o club leva anos participando e obtendo bos resultados. Con todo, considera que o máis importante vai moito máis alá das medallas.
«Máis que unha competición é un lugar de convivencia, de atoparse con xente de moitos lugares, de aprender convivindo», afirmou.
O responsable do club explicou que este ano cambia a idade dos participantes, polo que a expedición estará formada por atletas máis novos, aínda que iso non resta ilusión.
«Nós imos coa ilusión de facer un bo papel, de que os rapaces e rapazas se divirtan. Sabemos que vai ser complicado porque ademais se anuncian temperaturas moi altas», indicou.
Tinín está convencido de que, por riba dos resultados, os mozos levarán un recordo inesquecible desta experiencia. «O que interesa é esa convivencia con todas as culturas. Iso é o que realmente queda», concluíu.
O desfile inaugural celebrarase o domingo 5 de xullo na Praza do Obradoiro, mentres que as probas de atletismo disputaranse o luns e os deportes de equipo prolongaranse ata o venres 10 de xullo, cando rematarán uns Xogos nos que O Barco volverá estar representado por unha xeración de deportistas que levarán o nome da comarca máis aló da competición, facendo do deporte unha ferramenta de convivencia, aprendizaxe e intercambio entre territorios.
