O Barco, concello do deporte: 2.600 veciños realizan exercicio físico
Case corenta actividades deportivas se van a realizar até final de ano con probas de moto, petanca e cunha novidade: a andaina de San Xoán será en Éntoma
O Barco continúa sendo o concello do deporte. Presentouse na praza de Andrés de Prada a programación deportiva até final deste ano 2024 con 39 actividades en total. «Houbo que agardar a esta data co primeiro trimestre xa rematado porque había probas sen programar». Aurentino Alonso, concelleiro de Deportes, e Alfredo García, alcalde, presentaron o calendario completo.
Na programación están contempladas tanto as actividades municipais como as impulsadas polos clubes. Hai algunhas novidades, como «o Enduro que se vai realizar o 4 e 5 de maio volve tras moitos anos sen probas de motos». Aurentino Alonso avanzaba ademais que «a andaina de San Xoán vai ser en Éntoma aproveitando as súas festas e coa tradicional pancetada para recuperar forzas».
O concelleiro quixo destacar as actividades do Club de Petanca «que cada vez organizan máis torneos». O primeiro deste clube será nas Festas de Santa Rita —domingo 26 de maio—.
Cartel coa programación deportiva na praza de Andrés de Prada.
O 20% dos veciños practican algún deporte
«736 nenos practican deporte base en clubes, 80 ximnasia rítmica, e 100 en zumba; en adultos hai preto de 800 persoas nas escolas deportivas municipais, e na piscina temos 992 abonados». Estes son os datos aportados na presentación polo concelleiro Aurentino Alonso.
Confirmaba o alcalde, Alfredo García, que «en total haI 2.600 veciños que fan deporte no Barco, o que supón o 20% da poboación, o que é un orgullo para o Concello».
A información de todas as actividades deportivas que se van celebrar no Barco a partir do mes de maio pode consultarse na páxina web do Concello, no apartado Deportes.