A tradicional Andaina Popular de San Xoán regresa este 23 de xuño a Viloira coa súa novena edición e promete unha tarde-noite de diversión, deporte e gastronomía para todos os públicos. A cita terá lugar na praza Otero Pedraio e combinará unha carreira popular cunha gran pancetada e sorteos de produtos típicos.
Organizada polas concellarías de Cultura e Festas e de Deportes e Xuventude do Concello do Barco, a celebración comezará ás 20.30 horas coa carreira infantil, pensada para nenos e nenas de ata 6 anos. Ás 21.00 horas será a quenda da andaina popular, cun percorrido sinalizado de 6 qulómetros.
A inscrición é gratuíta e pode facerse ata o 20 de xuño no Edificio Multiusos, por teléfono (988 320 202) ou por correo electrónico (deportes@concellodobarco.org). Tamén é posible apuntarse o mesmo día da andaina, entre as 20.00 e as 21.00 horas na praza, aínda que só os que se inscriban con antelación terán praza reservada na pancetada e opción a participar nos sorteos de agasallos.
Entre os premios previstos destacan os individuais —agasallos para os máis pequenos e recoñecemento ao mellor disfraz de San Xoán— e os colectivos, con distincións para as asociacións, empresas e clubes con máis participantes, así como para o mellor disfrace colectivo. Para optar aos premios será obrigatorio pasar polo fotocol instalado na zona de saída.
O evento contará cun ambiente festivo e familiar, con animación, sorteos de produtos tradicionais e moita ilusión por parte da organización. Este ano, a festa volve ao seu escenario habitual na praza Otero Pedraio de Viloira, recuperando así a esencia das súas primeiras edicións.