domingo. 17.05.2026

O Barco celebra o Día das Letras Galegas con deporte, música e cultura

Veciñanza de todas as idades participou na primeira edición da Carreira e Andaina pola Lingua nunha xornada festiva arredor do galego

O Barco de Valdeorras iniciou este 17 de maio a programación das Letras Galegas cunha xornada que combinou deporte, cultura e promoción da lingua galega. Preto dun cento de persoas, entre nenos, nenas e adultos, sumáronse á I Carreira e Andaina pola Lingua, unha nova iniciativa organizada para conmemorar o Día das Letras Galegas.

somoscomarca_20260517_obarco_andaina_pequeletras_celebracionletrasgalegas (11)

A partir das 10:30 horas da mañá pechábanse na praza de Andrés de Prada as inscricións para esta primeira edición dunha actividade que combinou deporte, convivencia e reivindicación da lingua. Pouco despois das 11:00 horas arrancaba a carreira infantil dende a Fonte da Ra, no Paseo do Malecón, con chegada a praza de Andrés de Prada.

somoscomarca_20260517_obarco_andaina_pequeletras_celebracionletrasgalegas (12)

Os máis pequenos foron os grandes protagonistas desta primeira parte da xornada e recibiron con especial ilusión as medallas de galleta entregadas ao remate da proba, ademais dunha peza de froita e unha botella de auga.

somoscomarca_20260517_obarco_andaina_pequeletras_celebracionletrasgalegas (7)

Tras a entrega de premios, chegaba a quenda da andaina popular, que partía tamén dende Andrés de Prada. Os participantes percorreron unha ruta duns 2,7 quilómetros que os levou polo Malecón, cruzando a pasarela do Salgueiral e continuando en dirección a Viloira ata chegar á Casa Grande. Alí recibían un número para participar nun sorteo de agasallos antes de emprender o regreso ao Barco pola pasarela do casco vello, rematando de novo no punto de saída.

somoscomarca_20260517_obarco_andaina_pequeletras_celebracionletrasgalegas (1)
somoscomarca_20260517_obarco_andaina_pequeletras_celebracionletrasgalegas (1)

A programación continuou ás 13:00 horas co “Vermú das Letras”, celebrado na zona de Correos do Malecón, onde Fran Rei presentou o seu espectáculo “Repunantas”, enchendo o espazo de humor e retranca.

Xa pola tarde,  a praza de Andrés de Prada converteuse no escenario da actuación da narradora Raquel Queizas, que levou ao público familiar a peza “Begoña ao teléfono”, incluída dentro do ciclo “Pequeletras”. O espectáculo conseguiu captar a atención tanto dos máis pequenos como do público adulto, que seguiu con interese a representación.

somoscomarca_20260517_obarco_andaina_pequeletras_celebracionletrasgalegas (3)

O programa rematará o vindeiro 19 de maio coa actuación da Escola de Música do Barco de Valdeorras, que ofrecerá un concerto no Teatro Municipal Lauro Olmo.

O Barco celebra o Día das Letras Galegas con deporte, música e cultura