
A Xunta de Galicia vén de licitar as obras de mellora do viario que conecta o núcleo rural de Soutelo coa parroquia de San Martiño, no concello ourensán de Manzaneda. O investimento previsto ascende a 157.679 euros e forma parte do Plan Hurbe, programa co que o Goberno galego colabora cos concellos para mellorar accesos e infraestruturas.
O proxecto abrangue a renovación do pavimento do camiño, a mellora das beirarrúas e da senda, así como a revisión das redes pluviais e a creación de pequenas zonas verdes. A actuación desenvolverase nun treito de 560 metros, coñecido como subida a Soutelo, que é moi utilizado polos veciños de Manzaneda, Soutelo, San Martiño e Rozavales.
Ademais de servir como principal comunicación entre estes lugares, enlaza coa estrada provincial que conecta Manzaneda con A Pobra de Trives e tamén é empregado por turistas que visitan a zona polo seu valor paisaxístico, etnográfico e arquitectónico.
As empresas interesadas en executar os traballos poderán presentar ofertas ata o 2 de outubro. O convenio establece que a Xunta asumirá o 70% do custo e o Concello de Manzaneda o 30% restante. O prazo de execución das obras estímase en catro meses