domingo. 03.12.2023

Tras un mes de celebracións, Manzaneda afronta xa a recta final do Entroido. En Somos Comarca quixemos coñecer cómo se vive esta festa de primeira man, e por iso falamos co concelleiro Daniel Domínguez Losada, para que nos achegue os detalles do que aínda resta por vir.

Somos Comarca: Despóis dun mes o máis intenso do Entroido aínda falta por vir esta fin de semana, ¿cómo aguantades ata entón?

Daniel Domínguez: Gracias á xente que che vai sacando bica das súas casas, ou licor café de Manzaneda que é impresionante, moito mellor ca unha bebida enerxética.

SC: ¿Qué sucedeu ata a chegada do xoves de comadres de onte?

DD: Houbo visitas entre aldeas ao longo das semanas pasadas. E no fin de semana que chega, concéntranse as fuliadas, representacións teatrais en verso que tratan sobre todo o acontecer local do ano, os veciños métense uns cos outros, sempre en tono de broma. As fuliadas grandes que quedan son as de A Mourela Pra Acá que se fai en Reigada o sábado día 10 a partir das 11:00 h. Tamén as de San Martiño o domingo a partir das 15:00 horas. Son bonitas de ver, así que non as perda ninguén. Despóis quedan as visitas entre Langullo e Burruga, e Requeixo, e xa nos metemos no Martes de Entroido.

SC: No Martes de Entroido tedes desfile pola mañá…

DD: Sí, pola mañá xuntámonos tódolos fulións do concello, Cesures, San Martiño e o da Mourela Pra Acá, máis un par de fulións invitados que veñen coma tódolos anos, Trives e Vilariño de Conso. Damos a ronda pola vila de Manzaneda e remata todo con Xantar Popular no polideportivo, no que se xuntan unhas 1.000 persoas xantando.

SC: No Xantar pode participar quen queira, previa adquisición da entrada…

DD: Efectivamente. O pabellón e os restaurantes da vila énchense de xente, é un día grande para disfrutar, e todo o mundo está invitado a vir. A festa non vai faltar nin na comida nin despóis pola tarde, que sempre queda sonando algún fulión nas aldeas, hasta que o corpo aguante.

SC: E, ¿cal é o menú do Xantar?

DD: Chorizo cocido, empanada e carne ao caldeiro, ademáis de bica de Reigada e viño da zona, productos exquisitos. O menú son 10 euros, e os menores de 6 anos non pagan.

SC: ¿Cántas persoas están detrás da organización do evento?

DD: O Concello axuda na organización do Martes de Entroido. Pero en realidade a organización parte de cada asociación, tanto de Cesures como de San Martiño ou da Mourela Pa Acá. É a xente quen prepara o seu fulión e as súas rondas, a suas fuliadas. Todo o mundo se implica no fulión. Dende os nenos máis pequeños ata os máis vellos do pobo, todo o mundo aporta algo, esto non o organizan unha ou dúas persoas, o fulión é de todos, é algo tradicional.

SC: E ademáis tendes canteira porque en todos os fulións pódense ver nenos e nenas…

DD: Por suerte sí a temos, vese a diferencia de edade nos fulións. Hai personas maiores que saen no fulión ata que poden. Se vas de visita a algunha aldea, a xente sae á porta da casa con galletas, chourizos, viño. Aqueles que non poden saír da casa, saen emocionados á porta da súa casa para darche o mellor que teñen na casa nese momento.

Todo mundo que queira vir está invitado a Manzaneda, e o que queira participar tocando unha aixada con nós tamén o está.

O Entroido de Manzaneda culmina o martes cun Xantar Popular