
A música tradicional galega será protagonista en Manzaneda esta fin de semana coa celebración do XVI Certame Celtibérico de Bandas de Gaitas da Deputación de Ourense, que terá lugar os días 26 e 27 de xullo. O evento reunirá a máis de 300 músicos chegados de toda Galicia e inclúe unha programación que combina certames, homenaxes e actuacións musicais.
A cita comezará o sábado 26 ás 19.30 horas coa celebración do VIII Serán da Seitura – Memorial Ludivina Pérez Ricói (1930-2017) na Praza da Igualdade. O acto, que contará cunha ofrenda floral ante o monumento dedicado a Ludivina Pérez, estará presentado por Montse Estévez e incluirá unha homenaxe póstuma a Jacinta Fernández Alonso, recoñecida cantareira da zona.
Neste serán participarán artistas e grupos vencellados á música e á tradición oral, como a violinista Candela Rodríguez, Blanda de Cotarós, Fuxan os Ventos de Seitura, Flor da Festa de Verín, Real Xuvenil, o Grupo de Voces Acordes de Aríns, o Grupo de Pandereteiras de Manzaneda, Rogelia de A Roca e a Asociación de Seitura de Manzaneda.
A música continuará ás 23.00 horas na Estación de Montaña coa celebración do Festival Noite Celta, no que actuarán o Grupo Áurea, a Banda de Gaitas Agarimo de Catabois, o Grupo de Xóvenes dos CCBG e as Cantareiras da Real Xuvenil.
O domingo 27, a partir das 11.30 horas, terá lugar a fase final do certame no campo de competicións de Cabeza de Manzaneda. O evento, dedicado á memoria de Gabino García —quen foi alcalde de Manzaneda entre 1974 e 1995 e impulsor do certame xunto a Xosé Lois Foxo—, comezará coa cerimonia de izado de bandeiras e continuará coas actuacións das bandas clasificadas en 4º, 3º e 2º grao.
Tamén participará a Escola de Música Tradicional do Concello da Veiga, e durante a xornada celebraranse os certames de gaiteiros solistas e bastóns de mando. Como colofón, haberá unha ofrenda floral ante o monumento de Gabino García, a entrega de premios e a interpretación conxunta do Himno do Antigo Reino de Galicia, coa asistencia do alcalde de Quiroga como convidado.
Os premios inclúen trofeos, cintas, medallas e diplomas para todas as categorías: bandas de gaitas segundo grao, gaiteiros solistas divididos por franxas de idade, e bastóns de mando. As obras obrigatorias para os solistas serán a Muiñeira de Cabana para menores de 10 anos, a Muiñeira de Chantada para maiores de 10, e a Muiñeira do Caurel para maiores de 18. Poderán elixirse outras obras sempre que a interpretación non supere os tres minutos.
O xurado do certame estará composto por profesionais das distintas áreas técnicas: Jesús María Antúnez será o responsable da afinación; José Luis Abad Ramos avaliará a interpretación; Javier Pena Louzao será o encargado da percusión; Dionisio Aboal Bermúdez valorará a estética; e Manuela Pardo Pumar presidirá a mesa de verificación.
O certame poderá seguirse tamén por videostreaming a través do canal de YouTube da Deputación de Ourense e da canle persoal de Xosé Lois Foxo.