viernes. 19.04.2024
somoscomarca_obolo_colegio_menudatropa_2022_02_08 (4)
A Xunta abre o prazo para solicitar axudas para libros e material escolar (4)

A Xunta de Galicia abre o prazo para que as familias soliciten a súa participación no Fondo Solidario de Libros de Texto, ou ben as axudas para a adquisición de libros de texto, e de vales para material escolar destinadas ao alumnado matriculado en Educación Primaria, ESO e Educación Especial en centros sostidos con fondos públicos, para o vindeiro curso escolar 2022/23.

O prazo para presentar as solicitudes permanecerá aberto desde mañá ata o próximo día 22 de xuño, tal como establece a convocatoria que pode consultarse no Diario Oficial de Galicia. Cómpre subliñar que a Consellería de Educación asegura a dotación de balde de libros e material para o 100% das familias que cumpran cos requisitos establecidos.

O sistema solidario habilitado polo Goberno galego que posibilita garantir unha educación accesible para o conxunto do alumnado susténtase en tres eixos: o Fondo Solidario de libros de texto, as axudas á adquisición de libros de texto (para aquelas ensinanzas e cursos nos que os materiais non son reutilizables) e as axudas para a adquisición de material escolar.

Para atender estas tres liñas no próximo curso, a Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades ten habilitado unha cuantía de 25,6M€, o que supón un incremento do 47% con respecto aos 17,4M€ do presente curso, a meirande parte do cal vai destinado a afrontar a reposición de manuais do Fondo Solidario de Libros que vén obrigado pola entrada en vigor, en setembro, da nova lei educativa, LOMLOE, para os cursos impares.

Axudas á compra

As axudas da Xunta para a compra de libros están dirixidas ao alumnado matriculado en 1º e 2º de Educación Primaria, e ao alumnado matriculado en Educación Especial e ao alumnado cunha discapacidade igual ou superior ao 65%.

Así, no caso do alumnado dos dous primeiros cursos de Primaria recibirán 210 euros no caso de renda per cápita familiar igual ou inferior a 6.000 euros; e de 140 euros para as rendas de entre 6.000 e 10.000 euros.

No caso do alumnado matriculado en Educación Especial, en centros específicos ou en unidades de Educación Especial en centros ordinarios, así como o que presente unha discapacidade igual ou superior ao 65%, que solicite a axuda e que cumpra os requisitos recibirá un importe de 275 euros, con independencia da renda per cápita familiar.

Fondo solidario

No Fondo Solidario de libros pode participar o alumnado matriculado en 3º, 4º, 5º e 6º de primaria, e en 1º, 2º, 3º e 4º de ESO. A asignación de libros de texto farase, ao igual que cursos anteriores, por orde inversa á renda per cápita da unidade familiar. En calquera caso, terá preferencia o alumnado en situación de garda ou tutela da Xunta ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65%, con independencia da súa renda familiar.

Así, o alumnado con renda per cápita igual ou inferior a 6.000 euros, ou que estea en situación de garda ou tutela da Xunta ou cunha discapacidade igual ou superior ao 65% (nestes dous últimos casos con independencia da renda) ten garantido o acceso a seis libros. Pola súa banda, as familias con tramos de renda per cápita entre 6.000 e 10.000 euros terán acceso a catro manuais.

Cómpre lembrar que será requisito fundamental para acceder ao Fondo solidario ou recibir as axudas para libros ou material escolar ter devolto os libros dos cursos anteriores.

Ademais, o alumnado de 1º e 2 de Primaria que se encontre en situación de garda ou tutela da Xunta de Galicia recibirá a axuda máxima (210 euros), e non terá que acreditar os datos da unidade familiar nin o nivel de renda.

A Xunta abre o prazo para solicitar axudas para libros e material escolar