martes. 24.06.2025

As Graduacións da Promoción 2025: ilusión e futuro

Parabéns a toda a promoción do 2025 dos institutos das nosas comarcas: Lauro Olmo, Xermán Ancochea, Cosme López e MartaGuisela. Que o voso camiño siga cheo de aprendizaxes, liberdade e felicidade

Cando maio está a piques de rematar e tempo de despedidas emocionadas e celebracións cheas de orgullo. Así se viviu a tarde do xoves as celebracións das graduacións nos distintos centros educativos da comarca, onde o alumnado de 2º de bacharelato e ciclos formativos puxo fin a unha etapa chea de aprendizaxes, esforzo e amizade.

somoscomarca_graduaciones_ies_institutos (7)

IES Xermán Ancochea Quevedo de Trives: Música, emoción e familia

O mércores 14 de maio celebrouse a graduación do alumnado de formación profesional do IES Xermán Ancochea Quevedo. Subiron ao escenario os estudantes de 2º de FP básica en Electricidade e Electrónica, 2º do ciclo medio de Instalacións Eléctricas e Automáticas, e tamén do ciclo superior en Sistemas Electrotécnicos e Automatizados.

O acto estivo marcado pola proxección de vídeos e fotos que repasaron a súa traxectoria polo centro, cheos de momentos compartidos e vivencias significativas. Os discursos dos pais e nais, do alumnado e do profesorado puxeron voz á emoción contida dun día tan especial. A música tamén foi protagonista, con dúas actuacións por parte do alumnado de 2º de bacharelato e unha sorpresa musical por parte das familias.

somoscomarca_graduaciones_ies_institutos_lauroolmo(4)
somoscomarca_graduaciones_ies_institutos_lauroolmo(4)

IES Lauro Olmo do Barco: Un acto de lembranza e orgullo

No IES Lauro Olmo, a graduación do alumnado de 2º de bacharelato foi un evento cargado de emoción. Familiares, docentes e estudantes reuníronse para lembrar os momentos vividos e pechar un ciclo cheo de esforzo e aprendizaxe.

A comunidade educativa quixo transmitir o seu orgullo por esta promoción do 2025, destacando a ilusión coa que afrontan o futuro e desexándolles sorte en todas as etapas que están por vir. As redes sociais do centro enchéronse de fotos e mensaxes de parabéns.

somoscomarca_graduaciones_ies_institutos (3)

IES Martaguisela do Barco: Un adeus que é tamén un “ata logo”

No IES Martaguisela, tamén no Barco, a promoción 2025 de 2º de bacharelato viviu o seu acto de despedida entre emoción e festa. Durante a cerimonia, destacouse o papel de todo o profesorado que durante seis anos acompañou ao alumnado, formando persoas ademais de estudantes.

O acto rematou cunha “pinchada” na que participaron familias e amigos, un momento máis informal que serviu para compartir risas, lembranzas e plans de futuro. O centro avanzou que nos vindeiros días publicará unha reportaxe fotográfica e un vídeo editado do evento, para revivir e gardar para sempre este momento único.

somoscomarca_graduaciones_ies_institutos (15)

IES Cosme López de A Rúa: Nervios, aplausos e moitas fotos

No IES Cosme López de A Rúa, a graduación tivo lugar ás oito da tarde e reuniu á comunidade educativa ao completo. As alumnas e alumnos, vestidos para a ocasión, recibiron os seus diplomas e bandas de mans dos seus titores e docentes, entre aplausos, emoción e moitas fotos para o recordo.

As anécdotas e os nervos foron parte natural da velada, nun ambiente cheo de calor humano, no que se recoñeceu o traballo feito durante estes anos e se celebrou o futuro que se abre diante dos mozos e mozas.

As graduacións son máis que un acto simbólico: son un reflexo do camiño percorrido e un impulso para continuar. Os centros da nosas comarcas demostraron unha vez máis que a educación non é só unha tarefa académica, senón un proxecto colectivo onde familias, profesorado e estudantes constrúen comunidade.

Parabéns a toda a promoción do 2025. Que o voso camiño siga cheo de aprendizaxes, liberdade e felicidade. 

Fotos Cedidas

As Graduacións da Promoción 2025: ilusión e futuro