
Hai uns anos, as circunstancias obrigaron a Sara e Lalo a reinventarse. Ambos quedaron en paro e sen buscalo apareceu unha sinal que lles animou a comezar co que agora chaman Artesania Enxebre.
A chegada da pandemia paralizou todas as actividades sociais, e con elas os mercadillos. Os dous artesáns víronse obrigados a buscar alternativas para poder chegar á xente e mostrarlles todos os obxectos que realizan a partir de madeira vella. Para iso, comezaron a venderse a través das redes sociais e, actualmente, máis da metade das vendas realízanas vía online e por encargo.
«Todo comezou cunha homenaxe a Xela Árias con táboas que recollían cousas que nos deixou e escondémolas no xardín de Viloira. Como foi un éxito, aos cinco minutos xa non estaba. Pensamos facer o mesmo con Florencio Delgado e así promover a súa candidatura, porque dous meses máis tarde déronlle o Día das Letras Galegas 2022», aseguraba Sara ao facer referencia ás táboas de madeira escondidas en varios puntos da comarca.
As táboas, que recollen as verbas do escritor valdeorrés, son preparadas e agochadas cada domingo polos dous artesáns. Con esta iniciativa pretenden promover, tanto a Florencio Delgado Gurriarán como ao idioma e os recunchos máis bonitos de Valdeorras.
«Grazas á biblioteca municipal do Barco, que pasamos moito tempo alí para indagar un pouco na vida de Florencio e conseguir poemas novos para cada domingo, regaláronnos varios marcapáxinas do escritor. Por iso, todos os que atopen as táboas de madeira cos seus escritos e os marcapáxinas poden levalos», destacaba a artesá.
Actualmente, están a traballar en dous proxectos que os ten moi inmersos e «son bastante importantes», pero aínda non poden desvelar de que tratan. Tamén, a parella está sumida en novidades artesanais que pronto darán a coñecer.