viernes. 19.04.2024
2021, o ano no que os viños valdeorreses bateron récords de exportacións

Baixo o selo do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, exportáronse na última campaña, relativa ao 2020-2021, un total de 467.471 litros de godello e de mencía, a cifra máis alta dende que hai rexistros. Esta cantidade cuadriplica a cantidade de viño exportada no exercicio anterior (2019-2020) cando se acadaron unicamente 109.202 litros de viño exportados.

Por variedades, 400.407 dos litros de viño enviados ao exterior corresponden a godello e 67.064 a mencía. Sen lugar a dúbidas, as cifras de exportación marcan un dos fitos máis significativos do ano para o Consello Regulador da D.O. Valdeorras. Por territorios do estranxeiro, os viños de Valdeorras véndense fundamentalmente no Reino Unido, Estados Unidos, Holanda, Alemaña e Suecia.

Vendima

Xunto a isto, a campaña da vendima 2021 concluíu oficialmente en Valdeorras cun total de 7.097.379 quilos de uva recollidos. Desta cifra, de novo a variedade godello foi a máis abundante con 4.333.760 quilos. Tras ela, por orde de importancia sitúanse a mencía —1.714.006 quilos—, a garnacha tintorera —473.393 quilos— e a variedade palomino fino —449.766 quilos—. Xa en menores cantidades e en sentido decrecente temos a variedade sousón —50.477 quilos—; a tempranillo —37.461 quilos—; a albarello  —17.448 quilos—; a merenzao —11.354 quilos—; caíño tinto —3.365 quilos—; mouratón —2.240 quilos—; gran negro —1.345 quilos— e dona branca —764 quilos—.

somoscomarca_obarco_vendimia_viñaredo_santamarta_temporeros_2021 (19)

Tras case dous meses de traballo nas viñas, a vendima finalizou cunha suba de máis do 30% no número de quilos recolleitos en relación a 2020. Xunto «ao considerable aumento en cantidade» tamén cómpre sinalar, tal e como lembraba o presidente do Consello Regulador da D.O. Valdeorras, José Luis García Pando, que as uvas posúen «unha calidade óptima» e que permitirán a elaboración de viños «que seguirán recollendo premios en distintas partes do mundo».

Túnel do Viño

O Consello Regulador da D.O. Valdeorras cancelou en 2021 a súa tradicional Feira do Viño, debido ás condicións sanitarias, e substituína por un Túnel do Viño. Cun protocolo anti-Covid baseado en entradas e saídas diferenciadas, carpa semiaberta, aforo limitado e disposición de xel hidroalcólico desenvolveuse na praza de Viloira, do Barco de Valdeorras, a iniciativa. Un evento no que participaron 22 adegas da comarca con preto de 70 referenicas distintas.

Cada unha das sesións do Túnel do Viño foi acompañada por unha cata comentada específica na que se amosou aos asistentes como os viños valdeorreses maridan con froitas e tamén con queixos.

Cata dos viños de Valdeorras

En xullo celebrouse tamén a XXII Cata Oficial dos Viños de Valdeorras. Un total de 19 adegas con 59 referencias distintas participaron nesta edición Cata, que tivo lugar nas instalacións do Consello Regulador. En viños brancos gañou A Coroa Godello, seguido de Viñaredo Godello e Godeval Godello Cepas Vellas. En tintos, o primeiro premio recaeu en Lagar do Cingur Mencía, seguido de Maruxa Mencía e Joaquín Rebolledo Mencía.

As mencións especiais “viños doutras añadas” foron para Pedrazais Godello 19 de Adega Alán S.A.T., no caso dos brancos, e Joaquín Rebolledo Barrica 19, no caso dos tintos.

Actos de promoción

Non faltaron en 2021, os actos de promoción. Malia que a axenda diminuíu con respecto a outros anos dado que grandes foros vínicolas de renome se cancelaron por mor da pandemia, os viños de Valdeorrase estiveron presentes no Salón Vidivinos de Sevilla e no de Marbella. Tamén visitaron Madrid para acudir ao XXXIV Saló Gourmets e Barcelona e Bilbao, dentro da experiencia Verema.

Para o presidente do Consello Regulador, “recuperar a normalidade en canto a accións de promoción dos nosos viños é agora a prioridade para nós. Pouco a pouco, imos volvendo a feiras e actos sectoriais e agardamos que con estas iniciativas contribuamos a optimizar o grado de coñecemento dos nosos viños entre diferentes públicos, profesional e xeralista”.

2021, o ano no que os viños valdeorreses bateron récords de exportacións