
O Consello da Cultura Galega e o concello do Barco de Valdeorras rematan hoxe a difusión do proxecto A camisa, a adaptación sonora do texto dramático escrito por Lauro Olmo (O Barco de Valdeorras, 1922-Madrid, 1994) que retrata o drama da emigración.
A ficción en formato podcast foi feita por A quinta do Cuadrante, con dirección de Tito Asorey, a partir da tradución que Ramón de Valenzuela fixo do texto orixinal. Este proxecto serviu para conmemorar o centenario do nacemento de Lauro Olmo e o sesenta aniversario da estrea da peza.
Chegou o día no que Lola abandonará o seu fogar para iniciar unha nova vida como emigrante. Xan debátese entre despedir á súa muller, ou deixala ir sen dicirlle adeus, xa que desaproba a súa decisión. A súa sogra tenta convencelo de que non a deixe marchar sen unhas palabras de alento e cariño, pero a cousa non parece sinxela…mentres, os seis veciños celebran unha grande festa para celebrar o premio que lle tocou a Lolo na Lotería.
Semella que só unha milagre como esta pode mellorar a vida dos habitantes desta empobrecida. Este é o argumento do último capítulo, que pecha a adaptación desta peza, recoñecida co Premio Nacional de Teatro en 1962.
Un drama en cinco capítulos
Xan e Lola son un matrimonio que se instala no arrabalde chabolista de Madrid coa súa familia: os seus fillos, Loliña e Agostiño, e mais a avoa, coa esperanza de prosperidade. Malia a súa camisa nova, Xan non atopa o traballo que ansiaba e nesa infrutuosa procura afloran outros temas como a marxinalidade, o paro e o alcoholismo, nunha España afogada que convidaba ao exilio.
A peza dramática escrita polo valdeorrés Lauro Olmo sobre os problemas da clase baixa española dos anos sesenta foi publicada en 1960. Estreouse primeiro en Bos Aires e tivo que agardar ata 1962 para poder pasar a censura e chegar ao Teatro Goya de Madrid. Foi traducida a múltiples idiomas e obtivo diversos galardóns, entre eles o Premio Nacional de Teatro.
A adaptación sonora divide a historia en cinco capítulos de entre 12 e 15 minutos de duración que se emiten cada venres. Chus Silva foi a encargada da parte técnica da sonorización, que permitiu crear un espazo sonoro evocador. O elenco artístico está formado por Melania Cruz (Loliña, Lola), María Costas (avoa) Josito Porto (señor Paco, Ricardo), Nacho Castaño (Nacho, Sebas), Vanesa Sotelo (Muller, María), Tito Asorey (Xan, Tío Marabillas) e Davide González (Agostiño, Lolo). Rosa Moledo foi a responsable da asesoría lingüística.